Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo inicia os traballos de tala das árbores ubicadas diante da fachada principal

Imaxe deputación de lugo
Os traballos contan cun orzamento de 6.500 euros e un prazo de execución dunha semana

Os traballos de tala dos tres cedros xapónicos ubicados na lonxa frontal do Pazo de San Marcos comezarán mañá luns, 12 de maio. Deste xeito, a Deputación de Lugo procederá ó derribo das árbores logo de que se aprobase o plan de seguridade na Xunta de Goberno celebrada o pasado 25 de abril e de que o Concello de Lugo concedese o permiso de obra para poder levar a cabo a actuación. A Deputación de Lugo acondicionará e protexerá os accesos coa sinalización axeitada, protexendo o contorno de actuación co vallado correspondente e instalando a sinalización de prohibido aparcar, paso de peóns pola zona de actuación e de toda persoa allea á obra. O plan de seguridade contempla, ademais, todas as medidas de prevención e protección colectiva e persoal para garantir a seguridade tanto dos viandantes como dos traballadores. Os traballos contan cun prazo de execución dunha semana e un orzamento de 6.500 euros. Durante estes días variarase a entrada ó Pazo provincial. O acceso efectuarase pola porta máis próxima á Praza de Ferrol. Xustificación da obra Na lonxa frontal consérvanse tres “cedros xapónicos” dos catro que ata o de agora existían no recinto. Un temporal de fortes ventos ocasionou o desplome dun deles sobre a lonxa da fachada do Pazo que, por sorte, só causou danos materiais. Con este feito comprobouse que as árbores posuían un sistema radicular non equilibrado coa súa parte aérea, sendo esta moi voluminosa, de gran porte e considerable altura, o que ante calquera adversidade meteorolóxica provoca que se poida producir de novo a caída de calquera das tres árbores que se conservan, co conseguinte risco para viandantes, traballadores e vehículos que transitan pola rúa San Marcos.