Deputación de Lugo

A rede provincial de bombeiros basearase na experiencia da Deputación da Coruña, pioneira en Galicia na implantación deste sistema

O Presidente da Deputación da Coruña foi recibido oficialmente por primeira vez no Pazo de San Marcos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes ó seu homólogo coruñés, Salvador Fernández Moreda. Gómez Besteiro subliñou que “aínda que parezca sorprendente esta é a primeira ocasión na que un Presidente da Deputación da Coruña visita oficialmente o Pazo de San Marcos” algo que para Fernández Moreda “non é baladí porque é a primeira vez que son recibido oficialmente aquí nos once anos que levo ó fronte da institución”. Gómez Besteiro dixo que a Deputación de Lugo “segue a estela da coruñesa, que é un referente nos modelos de xestión”. Destacou especialmente “a rede provincial de bomberios que agora comezamos a implantar en Lugo para o que recollemos a experiencia da Deputación da Coruña, que é pioneira en Galicia neste sistema”. O titular da institución luguesa sinalou que “teremos en conta as posibles deficiencias, porque se trata de aprender dos outros para poñer canto antes en marcha esta rede de extinción de incendios, unha das débedas históricas desta provincia”. Neste senso lembrou que xa se cimentou o acordo coa Consellería de Presidencia. Pola súa banda, Fernández Moreda destacou que “nos últimos 5 anos na Coruña puxéronse en marcha 10 parques de bomberios que dan cobertura a toda a poboación, de xeito que calquera incendio urbano está a 20 minutos dun parque de bombeiros”. Excelentes relacións O titular da Deputación luguesa dixo que coa recepción deste martes “escenifícase a boa relación que existe entre as dúas institucións”. Ademais, Fernández Moreda devolve a visita que fixo Gómez Besteiro á Coruña en setembro. Nese primeiro encontro, ademais de abordarse o tema da rede de parques de bomberios, tamén recolleu experiencia coruñesa en cuestións como o Plan Estratéxico ou a recadación de impostos. Gómez Besteiro anunciou que “a finais de ano xa se coñecerán os primeiros resultados do Plan Estratéxico da provincia, una folla de ruta moi demandada e necesaria” e subliñou o feito de que o documento estea ser redactado polo mesmo equipo que elaborou o Plan que xa está en marcha na Coruña. Programa da visita O Presidente da Deputación da Coruña chegou ó Pazo de San Marcos ás once da mañá, onde foi recibido polo Presidente da institución luguesa, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao. A continuación, Fernández Moreda, que veu acompañado polo Deputado da Corporación coruñesa, José Nogueira, saudou ós Voceiros dos tres grupos políticos e asinou no Libro de Ouro. No intercambio de agasallos, Gómez Besteiro entregou a Fernández Moreda unha peza de cristal da exposición Avantcraft que representa a forza da artesanía luguesa. Pola súa banda, recibiu de mans do seu homólogo a primeira edición do libro publicado en 1866 “Crónica General de España. Historia Ilustrada y Descriptiva de sus provincias” , e que no apartado adicado á provincia de Lugo foi escrito por Cayetano Rosell. Visita ó CENTRAD O programa tamén incluíu a visita a outras dependencias da Deputación. No Centro de Artesanía e Deseño, foron recibidos pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, que xunto con técnicos do Centro acompañounos no percorrido polos distintos obradoiros. A comitiva coruñesa amosou a súa sorpresa pola cantidade de artesáns que colaboran co CENTRAD e a súa procedencia, xa que moitos son da Coruña. A continuación, e fóra do programa previsto, trasladáronse ó Centro de Interpretación do Rato, polo interese nas Reservas da Biosferas que abarcan ó 55 % da superficie da provincia luguesa. Ruta dos Boedos Os dous Presidentes despráronse ata Guitiriz para xantar ata o Hotel Balneario, onde lles deu a benvida a Alcaldesa da localidade e Deputada da Área de Economía, Regina Polín. Xa pola tarde, os dous mandatarios, acompañados pola rexedora, percorrerán parte do primeiro treito da Ruta dos Boedos, un proxecto promovido por Regina Polín que fai necesaria a colaboración das dúas Deputacións porque atinxe ós concellos lugueses de Guitiriz e Friol e o coruñés de Sobrado dos Monxes Esta ruta de sendeirismo partirá da antiga lagoa dos Boedos, en Guitiriz, atravesará a Cova da Serpe e rematará na lagoa de Sobrado dos Monxes.