Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación da Coruña realizará mañá a súa primeira visita oficial ó Pazo de San Marcos

Imaxe deputación de lugo
Fernández Moreda será recibido por Gómez Besteiro dentro da política de normalización de relacións con outras institucións

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibirá mañá ó seu homólogo coruñés, Salvador Fernández Moreda, que atende así a invitación que lle fixo Gómez Besteiro durante a visita oficial que fixo á sede coruñesa en setembro do ano pasado. Esta visita forma parte da rolda de entrevistas iniciada por Gómez Besteiro para normalizar as relacións da Deputación luguesa con outras institucións. Salvador Fernández Moreda, que foi Presidente da Deputación coruñesa desde 1989 a 1995 e ocupa este cargo desde 2003, será recibido por primeira vez oficialmente no Pazo de San Marcos. Os dous mandatarios provinciais xa destacaron a necesidade de que as Deputacións estean coordinadas, e máis no caso da coruñesa e a luguesa, xa que representan a dous pobos con moitos lazos de unión. Ademais, a institución luguesa xa deu os primeiros pasos para facer realidade algúns dos proxectos abordados na primeira reunión, e nos que a Deputación coruñesa xa ten experiencia, como é a elaboración do Plan Extratéxico. Programa da visita O Presidente da Deputación da Coruña chegará ó Pazo de San Marcos ás once da mañá, onde será recibido polo Presidente lugués, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao. A continuación, Fernández Moreda saudará ós Voceiros dos tres grupos con representación na Corporación e asinará no Libro de Ouro. Tras un encontro privado no Despacho do Presidente, Gómez Besteiro e Fernández Moreda desprazaranse ás 12:30 ó Centro de Artesanía e Deseño de Galicia, un referente a nivel europeo na investigación da artesanía tracional. Acompañados pola Vicepresidenta Segunda e responsable do INLUDES, Lara Méndez, visitarán, entre outras dependencias, as salas que acollen a exposición de instrumentos musicais, única en Europa polo seu apartado de réplica de instrumentos medievais. Ruta dos Boedos Os dous Presidentes desprazaranse para xantar ata o Hotel Balneario de Guitiriz, onde lles dará a benvida a Alcaldesa da localidade e Deputada da Área de Economía, Regina Polín. Xa pola tarde, ás 16:30, os dous mandatarios, acompañados pola rexedora, percorrerán parte do primeiro treito da Ruta dos Boedos, un proxecto promovido por Regina Polín que fai necesaria a colaboración das dúas Deputacións porque atinxe ós concellos lugueses de Guitiriz e Froil e o coruñés de Sobrado dos Monxes Esta ruta de sendeirismo partirá da antiga lagoa dos Boedos, en Guitiriz, atravesará a Cova da Serpe e rematará na lagoa de Sobrado dos Monxes.