Deputación de Lugo

O responsable da Área de Cultura inaugurou no Museo unha exposición da pintora monfortina Gloria Fernández

Antonio Veiga destacou a figura desta monfortina que plasmou na música e na pintura a súa sensibilidade artística

Inaugurouse hoxe, ás 20:00 horas, unha mostra de pintura da artista Gloria Fernández Fernández. O Responsable da Área de Cultura, Antonio Veiga foi o encargado de inaugurar esta mostra que permanecerá aberta no museo de Lugo dende o 8 de abril ao 4 de maio deste ano de celebración do 75 aniversario do museo. Antonio Veiga lembrou aos asistentes o empeño do goberno da Deputación, e concretamente da área de cultura, por facer do museo de Lugo un espazo vivo e aberto, no que os artistas lucenses atopen un escenario propicio para achegar á cidadanía as súas creacións sen trabas nin cortapisas. Gloria Fernández, naceu en Monforte no ano 1913 e finou en Madrid no ano 1996. Dende principios dos anos 50 a pintura de Gloria chama a atención e non tarda en recibir premios e mencións en todos os certames aos que se presenta. Na súa obra podemos ver, polos seus óleos, como a súa obra se vai enriquecendo de matices, facéndose máis forte, moito máis segura, menos suxeito ao modelo. Pinta bodegóns paisaxes sen esquecer a figura humana, chega a pintar algúns retratos nos que destacan os de varios modelos xitanos. A exposición que hoxe se inaugurou é a primeira retrospectiva que se lle adica á obra de Gloria Fernández, despois da homenaxe que os seus amigos lle fixeran no Centro Comarcal Val de Lemos na súa vila natal. Segundo afirmou o Responsable da Área de Cultura “A súa obra é apaixonada, cargada de imaxinación acompañada á súa vez por unha desbordante personalidade que se apreixaba nos seus cadro. En moitas das pinturas que representaban obxectos tradicionais, podemos ver a combinación dunha vida rural cunha vida interior extremadamente intensa e forte” así remarcou Veiga a expresividade da obra de Gloria Fernández.