Deputación de Lugo

Comezan os traballos de construción da rúa Pedáneo Xoán Diego no parque Paradai

A Deputación de Lugo inviste 1,8 millóns de euros neste proxecto que mellorará as comunicacións de Paradai e As Gándaras

A Deputación de Lugo comezou hoxe as obras de construción da prolongación da rúa Pedáneo Xoán Diego, un dos accesos ó Parque Paradai, no Concello de Lugo, que permitirá salvar a barreira do ferrocarril e favorecer a comunicación de zonas como Paradai ou As Gándaras. As máquinas e os operarios da empresa adxudicataria xa están a traballar na zona realizando as primeiras tarefas de desbroce e movemento de terras. O organismo provincial destina 1.809.563 euros a esta infraestrutura que ten un prazo de execución de 12 meses. A vía, de 750 metros de lonxitude e 16 metros de ancho, colindará pola marxe dereita, ó longo de 500 metros, co parque fluvial de Paradai e, polo esquerdo, coa Avenida Duquesa de Lugo. O proxecto, que foi presentado in situ no mes de marzo, polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, contempla a construción de dous carrís de circulación, beirarrúas, parterres e aparacadoiros en liña de dous metros. Colaboración entre administracións Tanto Gómez Besteiro como López Orozco destacaron que a construción da rúa Pedáneo Xoán Diego é un exemplo de colaboración entre administracións que beneficia o interese xeral dos veciños. Esta infraestrutura terá unha visión moi próxima ó parque periurbano e contribuirá a mellorar a a circulación de vehículos nesta zona. Este vial é a terceira obra do Plan Paradai que acomete a Deputación. As dúas anteriores foron a construción da Ponte Romai, con enlaces na Segunda Ronda e a Rotonda da Rocha, e a prolongación da Avenida Duquesa de Lugo.