Deputación de Lugo

30 alumnos do colexio Antonio Failde de Ourense visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño

O Deputado de Agricultura e Gandeiría recibiu ós escolares que realizaron unha visita guiada ó Centro

O Deputado de Agricultura e Gandeiría, Xosé María Arias, recibiu este venres no Centro de Interpretación Terras do Miño a 30 alumnos do colexio Antonio Failde de Cambeo (Ourense). Xosé María Arias deu a benvida ós rapaces que realizaron unha visita guiada ó Centro da man de técnicos do INLUDES. Neste senso, os escolares de 12 e 13 anos puideron coñecer e descubrir as principais características de Terras do Miño, Reserva da Biosfera declarada pola UNESCO no ano 2002. A iniciativa enmárcase dentro do obxectivo da Deputación, a través do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social, de dar a coñecer este espazo natural que foi incluido na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002. Neste senso, o Deputado provincial subraiou que estas visitas “enmárcanse dentro do obxectivo do INLUDES de promocionar e achegar os espazos naturais da provincia ós rapaces non só de Lugo senón tamén doutras provincias como é este caso”. Deste xeito, con material adaptado para os escolares, os técnicos do INLUDES amosaron ós alumnos a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representada polos bosques da ribeira, ábores centenarios, plantas acuáticas, etc. Con 363.669 hectáreas é a primeira Reserva de Galicia e unha das máis extensas de España. O seu ámbito xeográfico, que abarca o 39% da provincia de Lugo, inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. A designación da Reserva supón o máis elevado recoñecemento internacional á conservación das paisaxes, hábitats e especies da cunca alta dun río, na Rexión Atlántica Europea. A declaración supón a integración entre a conservación e o desenvolvemento da poboación local, cun esforzo especial en tarefas de investigación, formación e educación ambiental.