Deputación de Lugo

Expertos europeos visitan a Granxa Gayoso Castro dentro do proceso de avaliaición da Facultade de Veterinaria de Lugo

O Deputado de Agricultura e Gandeiría, que actuou de anfitrión, asegurou que a Granxa seguirá a colaborar co campus lugués

O Deputado provincial de Agricultura e Gandeiría, José María Arias, reiterou este mércores o compromiso da Deputación co campus universitario de Lugo a través da colaboración coa Granxa Gayoso Castro. José María Arias realizou estas manifestaciónS durante a visita que realizou a estas instalación un grupo de expertos europeos que esta semana está a someter a un proceso de avaliación a Facultade de Veterinaria. O obxectivo é renovar a acreditación europea obtida por este centro académico en 2002. Ademais, durante a visita poideron ver unha clase práctica que se impartiu a alumnos de primeiro de Veterinaria. O Deputado provincial sinalou que “a Granxa Gayoso Castro está nunhas condicións favorables para que os estudantes desta facultade realicen as súas prácticas, e confiamos en que o centro renove esta avaliación”. José María Arias entende que “a Graxa da Deputación é o lugar idóneo porque é unha instalación pública, está preto de Lugo, e dispón, entre outros, de programas de mellora xenética”. Pola súa banda, a vicedecana de Veterinaria, Ángeles Moreno sinalou que “a visita á granxa Gayoso Castro era obrigada porque a comisión que está a realizar a avaliación ten que coñecer o lugar onde os nosos alumnos realizan as súas prácticas”. Ángeles Moreno dixo que “a granxa da Deputación é un exemplo e unha garantía para que os estudantes da nosa facultade poidan completar a súa formación”. O grupo de expertos designados pola European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) tamén está a realizar visitas a instalacións da propia facultade e do hospital clínico veterinario. Proxecto revolucionario José María Árias lembrou que un dos proxectos máis ambiciosos da Deputación de Lugo neste mandato é a creación, en 2009, dun centro de recría na Granxa Gayoso Castro. Esta iniciativa pretende contribuír á mellora da rendibilidade das explotacións agrarias da provincia. Ademais evitará o problema real de falla de infraestruturas e de man de obra, converténdose nun centro rendible para todo o sector agrogandeiro da provincia, pioneiro no eido da investigación e da innovación. Este centro de recría disporá de 2.000 a 4.000 cabezas de gando e contará con 4 millóns de euros, o que o convierte no proxecto gandeiro máis revolucionario das últimas décadas en Galicia. A Granxa Gayoso Castro está emprazada no Concello de Castro de Rei e ten unha extensión de 304 hectáreas. Iniciou a súa actividade no ano 1942 cun dobre obxectivo: desenvolver labores de investigación a favor do sector primario da provincia e abastecer de produtos ós centros benéficos dependentes da Deputación.