Deputación de Lugo

A Deputación axiliza os trámites para rematar a obra do vial da Rúa en Cervo

José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez comprobaron in situ o estado da estrada

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez comprobaron in situ o estado no que se atopa a estrada de Rúa no Concello de Cervo. Gómez Besteiro sinalou que “este proxecto estaba paralizado cando chegamos ó goberno e é agora cando o estamos a impulsar para que non se perdan as subvencións do POL”. O titular da Deputación lembrou que a mellora da estrada entre Burela e Rúa, en Cervo, está dividida en dous proxectos POL, correspondentes ós anos 2005 e 2006, e que suman un orzamento de preto de 600.000 euros. Os dous treitos abarcan 5,4 quilómetros, dos que só está executado un debido a que do resto non están expropiados os terreos necesarios. Deste xeito, Gómez Besteiro subraiou que “cando asumimos as responsabilidades de goberno, estas obras estaban paradas porque a Deputación non dispoñía dos terreos. O goberno do PP non foi quen de tramitar en dous anos os expedentes de expropiación. E sen terreos, non se poden facer as obras”. O responsable provincial avanzou que “xa se remitiron os dous expedentes ó Xurado Rexional de Expropiacións, e confiamos en que se resolvan nun prazo de tres meses. En canto remate o proceso administrativo e a Deputación sexa propietaria dos terreos, realizaranse as obras, ás que daremos máxima prioridade”. Na visita, na que tamén estiveron varios veciños, o Presidente da Deputación destacou que é necesario explicarlles ós habitantes da zona o motivo polo que non están rematadas obras e de por que non están expropiados os terreos. “Esta foi unha reponsabilidade do anterior goberno provincial e tamén do Concello por non telo demandado”, subliñou o máximo mandatario provincial. Pola súa banda, a Vicepresidenta Segunda sinalou que “estamos a axilizar todo o proceso porque o noso principal interés son os veciños, e sabemos a importancia que ten esta estrada na zona, xa que é moi transitada”. Neste senso, Méndez confía en que as obras estén rematadas este mesmo ano. A Vicepresidenta Segunda respondeu ás declaracións realizadas polo Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, nas que responsabilizaba ó actual equipo de goberno do estado no que se atopan as obras. “Ou ben o rexedor está mal informado ou a súa intención é crispar ós veciños”, engadiu.