Deputación de Lugo

A Deputación liquida o 95% da débeda do canon nos Concellos sen sentenza favorable con 5,7 millóns de euros

A institución salda o canon en Taboada, concluíndo con esta débeda en 12 Concellos sen sentenza favorable, mentres ultima as derradeiras obras de 300.000 euros en Paradela, Ribas do Sil e O PáramoDeputación e USC catalogarán as zonas de Terras do Miño e Os Ancares para renovar a declaración de Reserva da Biosfera por parte da UNESCO e continuar co desenvolvemento sostible destes espazosO barrio de San Pedro, situado en Ribas do Sil e integrado por 100 veciños dos que o 60% son maiores, terá unha área recreativa con parque biosaudable mediante fondos provinciais e da UE

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que a Deputación leva investido nos 15 Concellos lugueses con produción hidroléctrica e sen sentenza favorable 5,7 millóns de euros mediante o Plan do Canon. Esta cantidade representa o 95% do total, que ascende ós 6 millóns de euros, que lles corresponde a estes municipios.

Martínez apuntou que xa se puxo fin ó canon no Saviñao, Taboada, Portomarín, Guntín, Carballedo, Pantón, Quiroga, Sober, Monforte de Lemos, Pobra do Brollón, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. A institución está agora a ultimar as derradeiras actuacións, por valor de 300.000 euros, en Paradela, Ribas do Sil e O Páramo para liquidar a débeda histórica do canon nos Concellos sen sentenza favorable. A institución provincial xa saldou esta débeda en Chantada, o único municipio con sentenza favorable, investindo 5 millóns de euros na execución de actuacións tales como a construción do auditorio municipal ou a remodelación das piscinas exteriores, entre outras.

Precisamente, este venres a Xunta de Goberno puxo fin ó canon en Taboada, aprobando o derradeiro trámite que permitirá iniciar nos vindeiros días a tamén a derradeira obra con cargo a este Plan en dito municipio do sur da provincia. Tratase da pavimentación e renovación da rede de abastecemento na rúa Rosalía de Castro, situada na capitalidade taboadesa, por valor de 47.000 euros.

Con estas actuacións, a Deputación achegou a Taboada un total de 538.300 euros. Este orzamento investiuse, principalmente, na mellora de accesos rurais: son os de As Neves-Xián, Insua-Vilar, Sobrecedo de Abaixo e Sobrecedo de Arriba; así como no acondicionamento das rúas Peizá, Polvorín e agora Rosalía de Castro; ademais do campo da festa de Vilar-Ider.

Reservas da Biosfera

A Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela catalogarán os espazos que integran Terras do Miño e Os Ancares Lucenses para acadar a renovación da declaración de Reservas da Biosfera por parte da UNESCO e continuar co desenvolvemento sostible e económico destes espazos. A Xunta de Goberno acordou a contratación do servizo de actualización dos recursos de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses por valor de 15.000 euros, procedentes do convenio co Ministerio de Medioambiente e, polo tanto, subvencionados nun 66% por fondos estatais.

Expertos da USC establecerán determinarán 3 zonas nas Reservas: zona núcleo, a integrada por espazos protexidos; zona tampón, a que protexe ás zonas núcleo; e zona de transición, a de realización de actividades para o desenvolvemento socioeconómico das Reservas. Terras do Miño ten definido estes territorios dende 2002, data na que a UNESCO declarou este espazo como Reserva da Biosfera. Pola súa banda, Os Ancares Lucenses conta con esta catalogación dende 2006. Nembargantes, a ampliación da Rede Natura require da súa actualización de cara a revisión que fará a UNESCO en 2013 para a renovación das declaracións de Reservas da Biosfera. Son tres os requisitos mínimos que deben cumplirse: a formación dos Órganos de Xestión, cos que xa conta Terras do Miño e Os Ancares Lucenses; a creación dun Plan de Acción, que a Deputación ten en vías de contratación por valor de 100.000 euros tamén procedentes do convenio co Ministerio de Medioambiente; e a zonificación do territorio, traballos que o organismo provincial adxudicou hoxe.

A Xunta non cumpre

Manuel Martínez salientou que “mentres a Deputación fai os deberes a Xunta de Galicia, responsable da Reservas de Eo-Oscos-Terras de Burón que integra 7 Concellos lucenses, non cumpriu, polo de agora, con ningún dos requisitos. A súa desidia e a falta de interese por Lugo, están a facer perigar a excepcional condición desta zona natural na que se atopa os municipios de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Riqueira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. O Goberno galego está a desaproveitar a oportunidade única dos recursos naturais destes Concellos para impulsar a economía lucense. Unha vez máis, vemos as diferencias entre Deputación de Lugo e Xunta”.

Nova área recreativa

A Xunta de Goberno aprobou, ademais, unha subvención excepcional ó Concello de Ribas do Sil para a creación dunha nova área recreativa no coñecido como o barrio de San Pedro. Trátase dun proxecto dotado de 57.800 euros, dos que a Deputación achega 17.800 euros e a Unión Europea 40.000 euros mediante o Grupo de Desenvolvemento Rural da Ribeira Sacra. O voceiro explicou que se habilitará un ampla zona verde cun parque biosaudable nunha zona próxima ós núcleos rurais de San Pedro, A Cova e Pousavella, que contan cuns 100 habitantes dos que o 60% son maiores.