Deputación de Lugo

Antón Bao recibe o estudiantes Fundación Balogal logo de proclamarse campión da cuarta concentración da Serie A do Campionato de España Sub 20

Esta é a primeira vez que o equipo de baloncesto lucense consegue proclamarse gañador dunha fase, un logro que lle permitirá disputar a final do campionato nacional a comezos do mes de xuño na localidade balear de Inca

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, recibiu este martes os xogadores, o adestrador e a varios membros do equipo directivo do Club Baloncesto Estudiantes Fundación Balogal, logo de proclamárense campións da cuarta concentración da Serie A do Campionato de España Sub 20 disputada en Valencia a comezos deste mes de abril. Esta vitoria permitirá que o equipo lucense participe na final no campionato nacional, que terá lugar na localidade balear de Inca entre os días 3 e 6 de xuño. O Pazo de San Marcos acolleu esta recepción á que foron convidados os voceiros dos grupos políticos con representación na Deputación de Lugo. Tal e como salientou Antón Bao, o Estudiantes Balogal conseguiu “a base de esforzo e moito traballo” situarse entre os mellores clubs do baloncesto español actual, de feito, os lucenses participarán xunto a outros oito equipos na fase final do campionato nacional distribuídos en dous grupos: Fundación Balogal xogará na mesma agrupación que o Cajasol, F.C. Barcelona e o MMT Estudiantes. O outro grupo estará integrado polo Unicaja, DKV Joventur, Fuenlabrada e Valladolid. Os campións xogarán a final do torneo e os segundos loitarán pola terceira praza. Alén disto, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo desexoulles aos xogadores “moita sorte” e “moitos triunfos” na final do torneo nacional. Todos estes logros contribúen a facer do deporte e, concretamente, do baloncesto lucense, “todo un referente a nivel estatal”, asegurou Bao. Pola súa banda, o vicepresidente primeiro do Club Estudiantes Fundación Balogal, Jesús Lázaro Rincón, agradeceu o apoio prestado pola Área de Deportes da Deputación de Lugo, no que atinxe aos proxectos e iniciativas postas en marcha polo club ou pola Fundación Balogal. Os seus agradecementos tamén se estenderon á persoa do vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, a quen lle asegurou que o equipo se seguirá “esforzando para conseguir máis e mellores logros”. Deste xeito, Lázaro salientou que os lucenses “darán a talla” nunha final que afrontan “con moita ilusión”.