Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo mellorará a estrada provincial que comunica Guitiriz coa localidade dos Vilares co obxectivo de reducir os accidentes na zona

A Deputación de Lugo acometerá os traballos de mellora que inclúen a resinalización da vía, a aplicación dunha capa de aglomerado antideslizante e a construción dunha rotonda

A Deputación de Lugo mellorará a estrada provincial, DP 2301, que comunica Guitiriz coa localidade dos Vilares. A Alcaldesa do municipio guitiricense, Regina Polín, e o Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, acompañados de técnicos municipais, desprazáronse este martes ata o punto quilométrico número 5 da vía, lugar no que unha rapaza de 26 anos falecía nun accidente mortal o 25 de xuño. Logo do suceso e da preocupación dos veciños, Polín púxose en contacto co responsable provincial da Área de Infraestruturas co obxectivo de dar solución ó problema e de poñer en marcha medidas que permitan reducir o número de sinistros na zona. Neste senso, Polín agradeceu a colaboración de Manolo Martínez ó tempo que indicou que “hai que buscarlle unha solución para evitar os accidentes, xa que foron varios os sinistros mortais que se produciron nesta estrada provincial”. Pola súa banda, Manuel Martínez, subraiou que nos vindeiros días a Deputación acometerá os traballos que garantirán a seguridade ós vehículos que circulen pola estrada que comunica a capitalidade municipal cos Vilares. O Deputado provincial explicou que entre as medidas que se levarán a cabo inclúese a resinalización da zona, a aplicación dunha nova capa de aglomerado formado por unha caliza antideslizante, e a construción dunha rotonda na salida da pista que vai a Fibreiro e Cal. Martínez subraiou que “unha vez acometidas estas medidas, debería de quedar solucionado o problema. No caso contrario, aplicaríase unha capa de eslurri, aglomerado que se utiliza nas zonas de alta montaña, que avisa auditivamente e produce un maior agarre nos coches”. O Deputado de Infraestruturas estima que os traballos quedarían rematados a finais de agosto.