Deputación de Lugo

A DELEGACIÓN DE TURISMO IMPULSA UN CONVENIO COA UNIVERSIDADE DE VALMIERA PARA FORMACIÓN DE ESTUDANTES LETÓNS NO SECTOR DA HOSTELERÍA

Este Convenio desenvólvese entre a Universidade de Valmiera, a Deputación de Lugo, a USC, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo e a Asociación Interruris.

Dende o 1 de xuño de 2008 un total de 13 estudantes letóns veñen formando parte das actividades de formación previstas dentro do Convenio de Cooperación para a formación de xoves Letóns na rama de Hostalería en colaboración coa Asociación provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. Este convenio foi impulsado pola nacionalista Mª Xosé Vega Buján dentro do paquete de medidas que a área de turismo da Deputación de Lugo ten planificadas para o 2008, e por mor do cal a Deputada ten viaxado ao país orixe dos estudantes. Nos tres días de visita a Letonia a Deputada nacionalista se entrevistou cos responsables da Escola Universitaria de Turismo de Valmiera para avaliar o desenvolvemento do Convenio e estudar futuras colaboracións. Concretamente o acordo ten como obxectivo a realización dunha experiencia piloto de formación práctica , de tres meses de duración entre xuño e agosto, de estudantes Letóns de turismo en establecementos de hostalería da Cidade de Lugo, onde se hospedan. Precisamente é a Deputación de Lugo quen sufraga o aloxamento dos estudantes. Estes durante os 3 meses de estancia na nosa cidade están aloxados no Hostal Ponte Vella. A manutención corre a cargo dos propios estudantes, aínda que nalgúns casos esta corre a cargo dos hostaleiros para os que traballan.