Deputación de Lugo

Aizpiri asegura que o cambio climático é unha realidade que só poñen en dúbida os desinformados e os malintencionados

Gómez Besteiro dixo que a Deputación apoiará todas as políticas medioambientais do Goberno

O Secretario Xeral para a Prevención da Contaminación e Cambio Climático do Ministerio de Medio Ambiente, Arturo Gonzalo Aizpiri, asegurou hoxe en Lugo que “o cambio climático é unha realidade inequívoca que só pon en dúbida quen non está informado ou quen o nega interesadamente”. Aizpiri, que impartiu unha conferencia na Escola de Maxisterio de Lugo na que colaborou a Deputación, dixo que nun informe elaborado por 4.000 expertos de todo o mundo afírmase que “hai máis dun 90% de probabilidades de que o cambio climático estea provocado pola actividade humana”. Aizpiri lanzou unha mensaxe de esperanza ó afirmar que “aínda estamos a tempo de reaccionar para frear os efectos deste cambio climático. No caso de España é necesario un acordo de Estado, e que todos rememos na mesma dirección”. Apuntou que “estamos ante un gran desafío. As políticas para combatir o cambio climático deberán ser a espiña dorsal dos proxectos de desenvolvemento sostible, como no transporte ou na ordenación do territorio”. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que foi o encargado de clausurar a conferencia, dixo que “a Deputación apoiará todas as políticas medioambientais do Goberno”. O titular da institución provincial destacou ante os estudantes de Maxisterio que ateigaban o Salón de Actos, o importante labor que teñen que desenvolver os educadores para concienciar ós nenos sobre este problema. As previsións O responsable do Ministerio de Medio Ambiente, un dos principais expertos en España do cambio climático, sinalou que é un feito demostrado científicamente que a temperatura media do planeta incrementouse en 0,74 grados no último século, algo do que non hai precedente nos últimos 1.300 anos. Ademais, o nivel do mar subiu 20 centímetros. “Pero esta realidade estase acelerando, e as previsións apuntan a que a finais do súculo XXI a temperatura incrementarase unha media que oscilará entre os 1,8 e os 4 graos; a porcentaxe dependerá do que fagamos nos vindeiros anos”, dixo Aizpiri. O Secretario Xeral aclarou que “o quentamento non será homoxéneo. A España mediterránea sufrirá unha africanización, e a España húmida unha mediterranealización. No caso de Galicia, a zona máis afectada será o sur de Lugo e Ourense, donde a temperatura podería subir entre 6 e 7 graos e as precipitación disminuir un 20%”. As solucións Segundo Aizpiri, para que a temperatura non supere os 2 ou 2,5 graos de media é necesario que as emisións de gases que provocan o efecto invernadoiro se reduzan nun 50% en 2050. “O Protocolo de Kioto foi un intento tímido, pero necesario. No caso de España este Protocolo establecía que non podiamos incrementar as nosas emisións en máis dun 15%, sen embargo, en 2004 o incremento era de preto do 50%. Nestes últimos anos houbo un cambio de tendencia, pero non é suficiente”. Outra das armas é a aposta polas enerxías renovables, e “na actualidade temos as tecnoloxías necesarias”. Aizpiri destacou que en 2007 destináronse 1.800 millóns de euros de fondos públicos ó financiamento deste tipo de enerxías”. Amosouse convencido de que España “ten a oportunidade de liderar a revolución das enerxías renovables porque existen destacadas empresas eólicas e solares, e porque este país ten uns recursos espléndidos en horas de sol e vento”. O responsable da área de Prevención da Contaminaición e do Cambio Climático do Goberno dixo que tamén é necesario incidir no aforro enerxético e ir adaptándose ós cambios que se van producir nos vindeiros anos. Puxo como exemplo os Plans Xerais de Ordenación Municipais “xa que neste momento estanse a construír casas en zonas do litoral que a finais deste século estarán asulagadas”.