Deputación de Lugo

A Deputación sinalizará este ano todas as empresas do sector agroalimentario da provincia

A Área de Cooperación cos Concellos acometerá un plan para facilitar a localización destas empresas co obxectivo de estimular o sector primario

O Delegado da Área de Cooperación cos Concellos e voceiro do grupo socialista, Antonio Gato Sonegas, anunciou este venres que a Deputación acometerá este ano un plan de sinalización de todas as empresas de transformación de produtos agroalimenarios da provincia “co obxectivo de facilitar a súa localización e contribuír á mellora da imaxe das empresas do sector primario ubicadas no medio rural”. Antonio Gato avanzou que se enviarán cartas a todos os Alcaldes e Alcaldesas da provincia “para recabar os datos de todas estas empresas, como queixerías, chacinerías ou adegas, coa fin de que teñan unha accesibilidade máis doada para os compradores”. A Deputación toma esta iniciativa nun momento no que “se está a falar de crise, e este é un xesto importante para estimular ó sector empresarial primario”. Segundo sinalou Deputado provincial, solicitarase ós rexedores que facilien estes datos antes do un de setembro para poder sacar o plan a concurso e levalo a cabo este mesmo ano. Plan Estratéxico Por outra banda, o voceiro socialista anunciou que o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, vén de remitir a todos os Alcaldes e Alcaldesas da provincia unha enquisa para recabar información que se terá en conta na redacción do Plan Estratéxico. Segundo apuntou o voceiro socialista, a Deputación considera fundamental o punto de vista dos rexedores xa que son eles os que “coñecen de primeira man as potencialidades, fortalezas e debilidades dos seus Concellos”. No cuestionario pregúntase ós mandatarios municipais sobre os principiais problemas que, ó seu xuizo, teñen os seus municipios ou as medidas que consideran prioritarias para o desenvolvemento dos mesmos. Para os responsables provinciais “ábrese unha etapa de análise apaixoante que procurará o benestar dos 67 Concellos da provincia”. Convenio roza de estradas Gato Soengas tamén anuniciou que o vindeiro xoves o Presidente da Deputación asinará cos Alcaldes dos 21 Concellos que asumirán directamente os traballos de roza nas estradas provinciais os respectivos convenios. O voceiro socialista lembrou que “esta é unha opción diferente á que había ata o de agora”. Para Antonio Gato esta é unha forma máis de Cooperar cos Concellos xa que estes son os principais coñecedores da situación na que están as estradas que hai no seu termo municipal”. Acordos Xunta de Goberno O voceiro do grupo socialista fixo estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que se aprobaron os pregos de claúsulas administrativas para a contratación da subministración de áridos e emulsión asfáltica destinada ó Parque Móbil provincial, así como da edición e impresión do Boletín Oficial da Provincia. No caso dos áridos e a emulsión asfáltica, apróbase un prezo máximo de 319.958 euros (75.959 para áridos e 243.999 para emulsión). O contrato será por un ano prorrogable por outro ano. Polo que se refire ó BOP o prezo máximo anual é de 248.999 euros. Tamén se acordou substiuír o afirmado previsto nunha obra incluída no POL 2005 na estrada Pedrafita do Cebreiro-Seoane do Courel. Cámbiase o triple tratamento bituminoso por unha capa de mezcla asfáltica en quente, co obxectivo de mellorar a duración e calidade da rodadura sen que haxa unha variación económica. Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou dúas contas xustificativas do Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais de 2007, en concreto, nos Concellos de Guitiriz e Palas de Rei. O presuposto das dúas obras suman 18.700 euros, dos que a Deputación achega 8.000 euros. Por último, deuse conta de varias sentenzas. Dúas están relacionadas con reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial. Nun dos casos, a Deputación deberá pagar 2.977 euros polos datos que sofriu un camión ó colisionar na súa parte superior coas pólas dunha árbore nunha estrada provincial en Palas de Rei. Na outra, o organismo provincial deberá pagar os danos ocasionados a un vehículo por mor dunha fochanca na estrada de en Lugo a Adai.