Deputación de Lugo

Política Tertitorial e as Deputacións provinciais aboran a reestruturación competencial das estradas para acadar unha maior funcionalidade da rede

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, participou nesta runión xunto á titular da Consellería e os Presidentes provinciais da Coruña, Ourense e Pontevedra

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez mantivo hoxe unha xuntanza coa conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride Estévez, e cos Presidentes das Deputación da Coruña, Ourense e Pontevedra, Salvador Fernández Moreda, José Luis Baltar e Rafael Louzán respectivamente, para darlles a coñecer o Plan Director de Estradas de Galicia e a súa repercusión sobre a rede provincial co obxecto de mellorar a súa funcionalidade. O Plan Director de Estradas elaborado pola CPTOPT propón incorporar á rede autonómica un total de 1.045 quilómetros que a día de hoxe pertencen ás Deputacións e, á inversa, que os organismos provinciais asuman a titularidade de 600 quilómetros de estradas que hoxe son competencia da Xunta. Segundo explicou a conselleira, o Plan prevé un reaxuste competencial con cambios de titularidade que responden á concepción da rede de estradas como un conxunto, á necesidade de configurar unha rede viaria máis funcional e con condicións de seguridade axeitadas. A conselleira destacou que é a primeira vez que se abre un proceso de participación con outras administracións desde esta Consellería para un plan, algo que era necesario porque os cidadáns non entenden de titularidades, senón das condicións das vías polas quecirculan. As estradas ou treitos de estradas que segundo Política Territorial poderían ser obxecto de transferencia a favor das Deputacións deben cinguirse a aquelas vías que non cumpren coa función de articulación territorial, os restos de tramos xa acondicionados, as vías que discorren integramente por áreas urbanas e aquelas travesías que teñan como alternativa unha variante de poboación que canaliza os tráficos de longo percorrido. Froito da análise realizada, o conxunto de estradas que se adecúan ás mencionadas características suman un total de 600 quilómetros repartidos en 85 na provincia da Coruña, 213 en Lugo, 197 en Ourense e 105 en Pontevedra. Cómpre ter en conta que un dos obxectivos do Plan de Estradas é que as cabeceiras de todos os concellos de Galicia conten cun acceso a través dunha estrada de titularidade autonómica. A día de hoxe hai 47 cabeceiras de concello (13 na Coruña, 4 en Lugo, 29 en Ourense e 1 en Pontevedra) que carecen de accesos deste tipo, polo que a reestruturación competencial da actual rede de estradas afrontaría este déficit que supón que os cidadáns de determinadas zonas de Galicia non dispoñen de comunicacións cun nivel técnico e de seguridade axeitado. Así mesmo María José Caride destacou que outro dos obxectivos que se busca coa reordenación das competencias en materia de estradas é garantir o acceso por unha vía autonómica a todos os contornos naturais. Na reunión mantida, a conselleira expúxolles aos presidentes das Deputacións que a Xunta de Galicia, antes de facer a transferencia, encárgase de arranxar e poñer en perfectas condicións todas as estradas autonómicas que pasarán a ser de titularidade provincial. Sen embargo, asumirá as estradas provinciais no estado en que se atopen, polo que as Deputacións non terán que acometer ningunha obra previa á transferencia. É dicir, tal como explicou a conselleira a Xunta asume tramos das Deputacións tal e como están independentemente de que teñamos que facer obras, mentres que nós transferímoslles ás Deputacións as estradas en perfecto estado. Os presidentes das catro Deputacións, con independencia de realizar unha análise máis pormenorizada, cualificaron de necesaria a reflexión e xenerosa a oferta. A relación de estradas obxecto de transferencia deberá materializarse a través de convenios concretos entre Política Territorial e os órganos provinciais.