Deputación de Lugo

Lara Méndez presentou a programación de outono do CENTRAD “que responde ás novas políticas
da Deputación”

A programación comprende 9 cursos que teñen un orzamento de 15.570 euros

A Vicepresidenta Segunda destacou o esforzo que realiza o Centro de Artesanía e Deseño pola formación, “xa que aumentamos o número de cursos e non repetimos ningún con respecto a 2007” A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este mércores a programación de outono de cestería do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Segundo Lara Méndez, “a programación responde ás novas políticas da Deputación”. Inclúe 9 cursos que contan cun orzamento de 15.570 euros. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda subliñou que “aumentamos o número -de 6 no 2007 pasamos a 9 en 2008-, e non repetimos ningún; o que demostra o enorme esforzo que estamos a facer desde a Deputación e o CENTRAD pola formación”. A programación de outono dará comezo o 22 de setembro co curso: cestería tradicional galega de Muros e Noia. Canistrelo dunha e dúas asas. A este respecto, Méndez indicou que “con estes cursos poñemos en valor este tipo de economía baseada no artesanal. Proba disto é que a maior parte dos obradoiros, en total 5, enmárcanse dentro das distintas modalidades de cestería tradicional galega”. Trátase dunha programación diversa, na que os materiais tamén son diferentes: palla, madeira, abeleira e vimbio. A Vicepresidenta Segunda lembrou que están dirixidos a cesteiros profesionais, artesáns doutras disciplinas e ó público en xeral. Teñen unha duración de 248 horas e unha capacidade para 10 alumnos como máximo. Docentes de Galicia e mesmo de fóra de España amosarán distintas técnicas ós alumnos. É o caso de Anelma Savolainen. Esta finlandesa impartirá o curso de xuncos de lagoa, unha técnica moi extendida no norte de Europa e da que non existe tradición en Galicia. Ademais, a versatilidade do xunco permite que sexa un material perfectamente adaptable e de sinxelo manexo para persoas que presentan problemas de mobilidade. Outro exemplo é o de LLuis Grau, artesán que impartirá o curso de láminas de madeira e o de abeleira do Pirineo catalán. A inscrición poderá realizarse ata dous días antes do comezo de cada curso, a través do teléfono 982 210 066 ou do número de fax: 982 219 014. Os cursos tamén poderán consultarse na web: www.deputacionlugo.org. Programación variada O curso de cestería tradicional galega. Cestería Muros e Noia. Canistrelo dunha e dúas asas abrirá a programación de outono. Desde o 22 ó 26 de setembro, o artesán Carlos Fontales impartirá esta modalidade que permite construír un canistrelo dunha e dúas asas. Trátase do cesto típico da zona da ría de Muros e Noia. O resto dos obradoiros que tamén se impartirán no Centro de Cestería do río Rato son os seguintes: - Cestería tradicional galega de palla. Sombreiro de Noia que se divide en 1ª e 2ª parte. - Cestería Tradicional galega de varas e de varas e láminas de madeira. No primeiro caso, os alumnos elaborarán unha piteira e, no segundo, un carabelo. - Cestería de xuncos de lagoa. - Cestería tradicional galega de láminas de madeira. - Cestería de palla de Gran Canaria, “Balayo”. - Cestería de abeleira do Pirineo. Cesto aranés. - Cestería de vimbio con molde. Cesta de dúas tapas. Balance cursos de verán O venres rematará a programación de verán de cestería do CENTRAD. A este respecto, a Vicepresidenta Segunda subraiou que “xa podemos falar de participantes, procedencia dos mesmos…Cifras que, de novo, poñen de relevo que se trata dunha programación completa e unha actividade cada vez máis consolidada”. Desde o mes de xuño ata o mes de setembro impartíronse 8 cursos nos que participaron 78 persoas, 32 máis que no mesmo período de 2007. Os obradoiros contaron cun total de 252 horas. A actividade acadou unha grande participación, tal e como demostra a procedencia dos participantes. “Cómpre salientar que progresivamente constatamos que son máis as persoas doutros puntos de Lugo e de fóra da provincia que participan nestes cursos. Deste xeito, ademais do Concello de Lugo houbo alumnos de Outeiro de Rei, O Corgo, Monterroso e Sober. No caso do resto doutras provincias acudiron participantes de Coruña e Ferrol”, explicou Lara Méndez. Este venres rematará o de cestería catalá de xuncos. Gambina (Nasa de Mar). Durante toda esta semana, o artesán Carlus Trijueque ensinará ós alumnos a técnica de cosido de rombo necesaria para elaborar este tipo de cesto, e que aínda se conserva en Cataluña. Descargar Cursos Cestería Descargar Cartel Cestería