Deputación de Lugo

A Deputación rescinde o contrato de rehabilitación do interior das Covas do Rei Cintolo

Gato Soengas dixo que o Concello de Mondoñedo e a Consellería de Cultura serán os que acometan a partir de agora os futuros proxectos relacionados con estas covas

A Xunta de Goberno aproba os Plans de Accesibilidade dos Concellos de Meira e Samos A Deputación resolveu de mutuo acordo coa empresa adxudicataria o contrato para a rehabilitación do interior da Cova do Rei Cintolo, unha decisión aprobada pola Xunta de Goberno deste venres. O voceiro do grupo provincial socialista lembrou que “as xestións realizadas polo organismo provincial co Concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía permitiron desbloquear a reapertura destas covas, situadas no municipio mindoniense, logo de que a devandita Federación interpuxese un recurso que obrigou á suspensión das visitas en 2006”. O organismo provincial aboará á empresa Extraco, en concepto de indemnización, o equivalente ó 3% do prezo de adxudicación, o que supón 11.860 euros. Gato Soengas subliñou que “unha vez resolto o contrato, serán o Concello de Monodoñedo e a Consellería de Cultura os que acometan proxectos que non sexan impactantes co contorno e que permitan que os cidadáns disfruten deste espazo”. Plans de Accesibilidade O goberno provincial aprobou os Plans de Accesibilidade dos Concellos de Meira e Samos que foron elaborados dentro do convenio subscrito entre o IMSERSO, a Fundacion ONCE e a Deputación para a eliminación de barreiras arquitectónicas, no transporte e de comunicación sensorial nos núcleos urbanos. “Os problemas de accesibilidade detectados nestes Plans afectan sobre todo a barreiras arquitectónicas nos edificios públicos (casas consistoriais, centros de saúde, Correos, etc,) e nas vías públicas, como é no caso dos bordillos”. Estes dous plans foran adxudicados á Fundación Accesibilidade S. A, por 33.000 euros. A través do convenio entre IMSERSO, Fundación ONCE e Deputación xa se elaboraron os Plans de Accesibilidade 42 Concellos e “está previsto que as tres institucións poñan en marcha unha nova fase deste convenio que permita a elaboración dos Plans dos municipios que aínda non o teñen”. A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a adxudicación definitiva do contrato de subministración de material de oficina para os distintos servizos da Deputación á empresa Prelo por un importe de 92.800 euros. Ademais, adxudicáronse 9 contas xustificativas de obras do Plan de Cooperación con Comunidades Veciñais do ano 2007 que suman un presuposto de 90.252 euros, dos que a Deputación subvenciona 58.175. Corresponden ós Concellos de Monforte de Lemos, Palas de Rei, A Pontenova, Quiroga, Riorto e Samos.