Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participou na inauguración do III Salón Internacional de Sidenatur

Sidenatur ofrece ó visitante a posibilidade de coñecer as últimas novidades en complementos de caza, pesca, deportes e actividades da natureza

As autoridades presentes visitaron o “stand” de Km0, donde se ofrece material divulgativo sobre o programa impulsado pola Deputación de Lugo O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este venres na inauguración do III Salón Internacional de caza, pesca e natureza de Sidenatur. No acto inaugural, Gómez Besteiro, que estivo acompañado do Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, dos Delegados provinciais das Consellerías de Medio rural e Medio Ambiente, Emilio López Pérez e Eduardo Vidal Baamonde, do Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío e do Codirector de Sidenatur, Manuel Fernández, ratificou o compromiso da institución que preside para facer do medio ambiente un modo rendible de vida. “Tendo en conta que máis do 55% da nosa provincia foi declarada Reserva da Biosfera, a xoia medioambiental e paisaxística de Galicia, creo que Sidenatur non se podía celebrar en ningún sitio mellor que en Lugo. Iniciativas como este salón ratifican que a natureza, a caza e a pesca tamén contribúen a crear riqueza e emprego. O ecoturismo e o turismo rural son dous exemplos de que o medio ambiente é un modo rendible de vida”. O Pazo de Feiras e Exposicións é o emprazamento óptimo para o desenvolvemento do evento. Desde este venres ata o domingo, 21 de setembro, Sidenatur ofrece ó visitante a posibilidade de coñecer as derradeiras novidades en complementos de caza, pesca, deportes e actividades da natureza. Asimesmo, o espazo interior de 9.000 metros cadrados de exposición e o exterior de 27.000 metros cadrados, permitirán que se poidan realizar tanto exhibicións como mostras acuáticas e terrestres. O obxectivo é crear un marco de intercambio empresarial e comercial entre empresas e usuarios. O máximo mandatario provincial avanzou que, dentro da aposta que fai a Deputación de poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística da provincia, xa se comezou a executar o macro proxecto mediambiental Lug02, respaldado pola Unión Europea e cun presuposto próximo ós 5 millóns de euros. “A Deputación, a través deste ambicioso programa, aposta polo desenvolvemento dos Concellos ubicados nas 3 Reservas das Biosfera, polos recursos naturais existentes e a sensibilización medioambiental”. Colaboración con outras Administracións O Presidente provincial destacou que a colaboración con outras Administracións é unha cuestión fundamental para preservar o patrimonio mediambiental da provincia. A este respecto, Gómez Besteiro indicou que “imos traballar con outras Administracións, tanto españolas como portuguesas, para a reforestación dos nosos bosques e dos recursos hídricos a través de iniciativas como Arbórea, outro dos proxectos europeos solicitados polo INLUDES, dependente como saben da institución provincia”. Asimesmo, engadiu que Deputación e Xunta de Galicia camiñarán man nun proxecto común: converter o Pazo de Tor nun referente medioambiental en España. Gómez Besteiro indicou que “o faremos co asesoramento das federacións respectivas e a través de catro áreas de traballo: natureza, caza, pesca e educación medioambiental”. Neste marco de colaboración, o máximo mandatario provincial, explicou que a implicación da cidadanía “tamén é necesaria para conseguir que Lugo sexa un destino medioambiental cunha marca clara de provincia”. A tal fin, Gómez Besteiro subraiou que o programa de visitas institucionais e medioambientais Km0 está obtendo uns resultados magníficos. Precisamente, as autoridades presentes visitaron o “stand” de Km0 que a Deputación ten en Sidenatur e no que se ofrece información sobre este programa de visitas institucionais e medioambientais á provincia de Lugo. O Presidente da Deputación convidou ás persoas que estes días se acheguen ata o Pazo de Feiras e Exposicións a participar neste progrma “que deseñamos na Deputación para todos vostedes e que reivindica o orgullo de ser lucense. No “stand” de Km0 estou seguro de que lles convenceremos para que nos acompañen”.