Deputación de Lugo

Un curso sobre a cestería tradicional de Muros e Noia abre a programación de outono do CENTRAD

Un curso sobre a cestería tradicional de Muros e Noia abre a programación de outono do CENTRAD

O obradoiro dispón de 40 horas de formación e será impartido polo artesán Carlos Fontales O curso de cestería tradicional galega: Cestería Muros e Noia. Canistrelo dunha e dúas asas abrirá o vindeiro luns a programación de cestería de outono do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Deste xeito, desde o 22 ó 26 de setembro o artesán Carlos Fontales ensinará ós asistentes a técnica necesaria para construír o canistrelo dunha e dúas asas rematados con bordo de dous e tres ramais. O obradoiro dispón de 40 horas de formación e desenvolverase no Centro de Cestería do río Rato en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Iste é o primeiro curso da programación prevista para os próximos meses, que inclúe 9 obradoiros e conta cun orzamento de 15.570 euros. Trátase dunha programación diversa, na que os materiais tamén son diferentes: palla, madeira, abeleira e vimbio. Os cursos teñen unha duración de 248 horas e unha capacidade para 10 alumnos como máximo. Deste xeito, docentes de Galicia e mesmo de fóra de España amosarán distintas técnicas ós alumnos. É o caso de Anelma Savolainen. Esta finlandesa impartirá o curso de xuncos de lagoa, unha técnica moi extendida no norte de Europa e da que non existe tradición en Galicia. Ademais, a versatilidade do xunco permite que sexa un material perfectamente adaptable e de sinxelo manexo para persoas que presentan problemas de mobilidade. Outro exemplo é o de LLuis Grau, artesán que impartirá o curso de láminas de madeira e o de abeleira do Pirineo catalán. O resto dos obradoiros que tamén se impartirán no Centro de Cestería do río Rato son os seguintes: - Cestería tradicional galega de palla. Sombreiro de Noia que se divide en 1ª e 2ª parte. - Cestería Tradicional galega de varas e de varas e láminas de madeira. No primeiro caso, os alumnos elaborarán unha piteira e, no segundo, un carabelo. - Cestería de xuncos de lagoa. - Cestería tradicional galega de láminas de madeira. - Cestería de palla de Gran Canaria, “Balayo”. - Cestería de abeleira do Pirineo. Cesto aranés. - Cestería de vimbio con molde. Cesta de dúas tapas.