Deputación de Lugo

A Fundación Caixa Galicia acollerá o Congreso Provincial de Medio Ambiente patrocinado pola Deputación de Lugo

Imaxe deputación de lugo
A exposición “A Reserva Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” promovida polo INLUDES permanecerá durante estes días na Capela de Santa María

O XXXVI Curso de Saúde Ambiental-Congreso Provincial de Medio Ambiente, patrocinado pola Deputación e o Concello de Lugo, desenvolverase desde o 2 ó 6 de xuño no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia. 43 expertos de recoñecido prestixio daranse cita estes días no Congreso, a travé cal Lugo convértese no punto de encontro e referencia ambiental en Galicia, entre eles, representantes das tres universidades galegas, do Ministerio de Medio Ambiente, das Consellerías de Sanidade, Medio Ambiente e Industria, así como o Presidente da Confederación Hidrográfica do Norte, Jorge Marquínez, que presentará o “Proxecto de recuperación de áreas asolagadas no alto Miño”. Ata o momento preto dun cento de congresistas formalizaron a súa inscripción na Secretaría Técnica. Ademais, coincidindo coa celebración do Congreso e co Día do Medio Ambiente, a exposición “A Reserva Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza”, promovida polo INLUDES, permanecerá aberta ó público na Capela de Santa María. Este foro de debate ambiental ten como obxectivo fundamental contribuír ó desenvolvemento sostible da provincia de Lugo, mellorar a xestión nos aspectos ambientais da saúde dos municipios lugueses e con elo as condicións de vida urbana dos seus cidadáns, ademais de apoiar a formación e reciclaxe de técnicos en medio ambiente e saúde e propiciar a participación e un maior nivel de compromiso de todos os axentes sociais coa protección e conservación do patrimonio natural galego. Os interesados en asistir poderán formalizar a súa inscripción ata o luns, 2 de xuño, ás 13:00 horas na Secretaría Técnica, que ten a súa sede no Servizo de Medio Ambiente do Concello de Lugo. Os congresistas recibirán un Libro de Ponencia e un diploma acreditativo de asistencia. O Congreso está recoñecido cun crédito de libre elección para a USC. Conta coa acreditación académica da Universidade de Santiago de Compostela e o respaldo da Sociedade Española de Sanidade Ambiental e da Asociación Española de Ciencias Administrativas. Está dirixido a funcionarios e responsables políticos das Administracións local, provincial e autonómica; profesorado de ensino secundario, formación profesional e universitario; técnicos e xestores de calidade, medio ambiente e prevención de riscos laborais de empresas; estudantes universitarios e de formación profesional, etc.