Deputación de Lugo

Alumnos de colexios de Lugo e Castroverde participan esta semana en Km0

Membros da Residencia Señora do Carmen de Sarria viaxan hoxe a Viveiro grazas a esta iniciativa promovida pola Deputación

72 rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos de centros educativos de Lugo e Castroverde e membros da Residencia de Sarria participan esta semana no programa de visitas institucionais e medioambientais Km0 que promove a Deputación para dar acoñecer a institución e a provincia ós lugueses e favorecer a nosa economía. En canto ós destinos, nesta ocasión son A Mariña, O Courel e a Ribeira Sacra. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a 55 membros da Fundación Residencia Señora do Carmen de Sarria. Trala recepción, os participantes coñeceron o Centro de Interpretación Terras do Miño, ubicado no Paseo do Rato e desprazáronse á Mariña. No Concello de Viveiro visitaron a igrexa de Santa María do Campo, a muralla e a Porta Carlos V. Ademais, deron un paseo pola praia de Covas e subiron ó Alto de San Roque. Mañá será un grupo de alumnos do Colexio María Auxiliadora de Lugo, de 11 e 12 anos, os que participarán en Km0. A ruta elexida inclúe un percorrido polo complexo etnográfico do Mazo de Santa Comba e unha viaxe ó Courel. Visitarán o Castro da Torre e a aldea de Seceda. Por último, rapaces de 10 e 11 anos do CPI de Castroverde, viaxarán en catamarán o xoves grazas a iniciativa promovida pola Deputación. Neste caso, tamén visitarán en primeiro lugar o Mazo de Santa Comba. Xa na Ribeira Sacra, farán unha ruta a pé ata o Mirador Pena do Castelo e embarcarán en Doade.