Deputación de Lugo

Gómez Besteiro amosa o apoio da Deputación ás mulleres rurais galegas

250 mulleres rurais de toda Galicia déronse cita na presentación dun libro editado por FADEMUR

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado na presentación oficial do libro editado pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) “Historias de vida en el medio rural”. Gómez Besteiro agradeceu á Federación que de toda Galicia elexisen a provincia de Lugo e, concretamente, o Pazo de San Marcos, para facer dita presentación. As responsables de FADEMUR destacaron o papel decisivio que tivo a Vicepresidenta Segunda da Deputación e Vicepresidenta de FADEMUR, Lara Méndez, para que a institución provincial acollese este acto. Ademais de Lara Méndez, a presentación do libro contou coa presenza do Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, o novo Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, o Delegado provincial de Traballo, Miguel López Calvo, o Deputado provincial, Manuel Martínez, a Deputada no Congreso, Margarita Pérez Herráiz, varios Alcaldes da provincia, as Presidentas de FADEMUR Galicia e España, Rosa Arcos Caamaño e Teresa López, e o Secretario Xeral de Unións Agrarias, Roberto García. No evento déronse cita 250 mulleres rurais de toda Galicia pertencentes a FADEMUR. A publicación estase a presentar en diferentes Comunidades Autónomas. En días pasados foi a quenda de Extremadura e no mes de abril en Madrid. O exemplar relata a experiencia de 30 mulleres españolas, entre elas as galegas Begoña Liñares de Trazo (A Coruña), Esther Calviño de Tordoia e Mercedes Méndez de Ordes, de distintas idades e de dez comunidades autónomas distintas. Ademais das intervencións das autoridades e das organizadoras, o acto incluíu a proxección dun vídeo no que se amosa o traballo realizado polo colectivo e unha actuación musical. INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN: Alcalde, Conselleiro, Presidentas de FADEMUR Galicia e España, Secretario Xeral de Unións Agrarias, señoras e señores bos días a todos e todas: Como Presidente desta institución, en primeiro lugar, quero darvos a benvida a esta Casa que é a casa de todos. Pero ademais para min é unha satisfacción que a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) elexise a Deputación de Lugo para facer a presentación oficial do libro “Historias de vida en el medio rural” en Galicia, unha publicación na que se recollen as testemuñas de 30 mulleres rurais, 3 delas galegas, pertencentes a 10 comunidades autónomas distintas. Con actos como o de hoxe FADEMUR é un exemplo de reivindicación de liberdade e de igualdade que ten como obxectivo rematar cos prexuízos que ata o de agora predominaban no medio rural. Na actualidade, sen dúbida, sodes un espello no que poden mirarse os 7 millóns de mulleres que viven e traballan no rural en toda España, que foron e son un dos piares fundamentais na economía dos nosos Concellos. Non hai que esquecer que en Galicia o 52,4% dos titulares de explotacións son mulleres. Para conseguir esto, o labor de FADEMUR foi determinante. Grazas ó esforzo de todas as que formades parte desta Federación conseguiuse a cotitularidade das explotacións agrarias, que recoñece o traballo invisible das agricultoras e gandeiras. É certo que o panorama a nivel internacional é complicado para o sector primario. Na Deputación de Lugo somos conscientes desta situación e queremos contribuír, dentro das nosas posibilidades e competencias, a poñer en valor o sector primario da provincia e o labor que desenvolvedes día a día. As institucións e os que temos responsabilidades de goberno debemos dotar ós traballadores do rural, especialmente ás mulleres, dos mesmos dereitos sociais e económicos que o resto. Precisamente, un dos proxectos estrela do mandato do actual equipo de goberno desta Deputación está relacionado co mundo rural. Refírome á Granxa Gayoso Castro que, a partir do ano 2009 contará cun centro de recría. A través desta iniciativa aportaremos valor engadido ás explotacións da provincia, prestaremos un servizo que ata de agora non existía en Lugo e contribuiremos a reducir os custes que soportan os gandeiros. Asimesmo, o medio rural será fundamental no Plan Extratéxico que estamos a redactar. Faremos unha diagnose das fortalezas e debilidades da provincia para trazar a folla de ruta que guiará o noso camiño no futuro. Xa para rematar, quero animarvos a que sigades co voso traballo, e darvos a noraboa por este libro que supón un recoñecemento a todas as mulleres que traballades por e para que o rural ocupe o lugar que se merece. Os meus parabéns e nunca perdades o orgullo de pertencer ó rural. Moitas grazas!