Deputación de Lugo

Antonio Gato afirma que o actual equipo de goberno se ve obrigado a centrar “boa parte dos seus esforzos
en solventar as hipotecas que deixou o PP”

A Xunta de Goberno resolveu dous contratos do POL 2004 pola “xestión ineficaz do anterior goberno” que non puxo os terreos a disposicón das empresas

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a resolución de dous contratos pertencentes ó Plan Operativo Local de 2004 por non poñer a disposición das empresas os terreos necesarios. O voceiro provincial do PSOE, Antonio Gato, dixo que este é un exemplo máis “da xestión ineficaz do anterior goberno do PP, e de que boa parte dos esforzos dos actuais responsables provinciais está centrada en solventar as hipotecas que nos deixaron”. Gato Soengas destacou as consecuencias negativas da resolución destes contratos- un en Xove e outro en Cervo- tanto para os veciños como para as arcas provinciais. A Deputación deberá aboar ás empresas 6.196 euros en concepto de indeminizacións e devolver as subvencións do Ministerio de Administracións Públicas, que suman 29.601 euros. O vocerio socialsita lembrou que “son proxectos de 2004 e nós chegamos en xullo de 2007. Por tanto, pasaron tres anos sen que o anterior goberno xestionase este asunto, e agora á Xunta de Goberno non lle quedou outro camiño que tomar este acordo”. Para Antonio Gato “ante as reiterdas críticas do Partido Popular hai que deixar claro que ademais do que fixemos este ano por iniciativa propia, tamén houbo que traballar en cuestións que quedaron colgadas e que nos distraen do que debería ser o traballo normal da Deputación”. Outros acordos da Xunta de Goberno Gato Soengas apuntou que outro dos asuntos que deixou pendente o goberno do PP é o do pagamento das subvencións das obras dos Plans de Comunidades Veciñais. “Neste caso, os perxudicados son os que pediron as axudas e están agardando, nalgúns casos, máis de tres anos. Nós aínda estamos pagando obras do ano 2005”. Neste senso, a Xunta de Goberno aprobou este venres as contas xustificativas de 29 obras dos Plans de Cooperación con Comunidades Veciñais, das que 12 son do ano 2006 e o resto de 2007. Os proxectos corresponden ós Concellos de Baleira, A Fonsagrada, Cervo, Guitiriz, O Incio, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pontenova, Ribadeo, Ribeira de Piquín, Sarria, Taboada, Trabada, Valadouro e Vilalba. Ademais, a Xunta acordou incrementar en 34.362 euros o prezo do contrato de conservación anual de incidencias e reparación de vías provinciais nos Concellos de Abadín, Vilalba, Cospeito e Castro de Rei que fora adxudicado inicialmente por 174.726 euros. Tamén adxudicou obras complementarias en proxectos do Páramo, Pastoriza e Guitiriz por un valor total de 38.624 euros.