Deputación de Lugo

O padrón do IBI de 2008 increméntase nun 13,5% nos 58 Concellos que xestiona o Servizo Provincial de Recadación

Antonio Gato di que esta suba se debe, en boa parte, á incorporación dos parques eólicos como bens de especiais características, “e beneficiará a moitos Concellos”

O vindeiro luns ábrese o prazo de ingreso en periodo voluntario do IBI que finalizará o 17 de novembro O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, avanzou que o vindeiro luns, 15 de setembro, se abrirá o prazo de ingreso voluntario do Imposto de Bens Inmobles (urbana, rústica e características especiais) nos 58 Concellos que xestiona o Servizo Provincial de Recadación. O prazo rematará o 17 de novembro. Segundo os datos aportados polo voceiro socialista na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, en 2007 recadouse en periodo voluntario o 90% do total do padrón, que sumaba un total de 13.060.885 euros. Gato Soengas dixo que esta alta porcentaxe reflicte a boa xestión por parte do Servizo Provincial de Recadación”. As domiciliacións do ano pasado representaron o 40%. Polo que se refire a 2008, a recadación prevista polo IBI neses 58 Concellos acada os 14.978.690 de euros, preto de dous millóns máis que o ano anterior. O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos dixo que “este incremento, do 13,5%, non se debe a unha suba das taxas que pagan os contribuíntes, senón á inclusión dos parques eólicos como bens de especiais características e ás actualizacións realizadas noutros bens deste tipo como os encoros”. O voceiro socialista destacou os beneficios que reporta esta modificación ós Concellos que teñen bens de especiais características. “Podo decirlles, como exemplo, que o Concello de Abadín triplica o recadado en 2007 polo IBI, e así sucede con todas as Entidades Locais afectadas por encoros, parques eólicos etc”. O Servizo Provincial asume a xestión da recadación do IBI en 58 Concellos: Abadin, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Carballedo, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra de Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarin, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Vilalba, Xermade y Xove. Acordos da Xunta de Galicia A Xunta de Goberno aceptou a resolución do xurado de expropiación correspondente á execución das obras do enlace entre a estrada de Baralla-Guimarei coa Nacional Sexta. Ademais, aprobou o plan de seguridade e saúde relativo ós traballos de roza en vías de titularide provincial dos Concellos de Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Bóveda e Ribas do Sil, así como a cancelación de garantías de seis obras.