Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo complementará o Fondo Estatal para os Concellos con preto de 1.500.000 euros

A institución provincial financiará accións non subvencionables polo Estado e directamente vinculadas coas obras incluídas no plan estatal.

Gómez Besteiro crea voluntariamente este “fondo extraordinario para un presuposto extraordinario como é o impulsado por Zapatero” e executará todos os cambios orzamentarios precisos no Pleno deste mes. A Deputación tamén prestará asesoramento ós municipios na interpretación do Real Decreto que regula o Fondo porque “coa axuda de Deputación ningún Concello lucense vai deixar un euro sen executar”. A Deputación de Lugo complementará o Fondo Estatal de Investimento Local para os Concellos cun fondo extraordinario que ronda os 1.500.000 euros. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo este anuncio na reunión que mantivo este xoves co Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, e cos Alcaldes e Alcaldesas da provincia para analizar as posibilidades que ofrece o Fondo creado polo Goberno Central destinado á creación de emprego. “Coa axuda da Deputación ningún Concello lucense vai deixar un euro sen executar”, afirmou o Presidente da Deputación, A institución provincial financiará ós Concellos as accións non subvencionables polo Estado e directamente vinculadas coas obras do Fondo estatal. Gómez Besteiro anunciou que “diante dun Fondo extraordinario, dúas medidas extraordinarias: a primeira, quero anunciarlles que este mes quedarán aprobados todos os cambios orzamentarios precisos para contar con 1.500.000 euros, partida que irá a cargo dos Presupostos 2008 da Deputación”. “En concreto, comprometémonos a financiar ata un máximo de 1.340.223 euros, que se corresponde co 4% sobre o presuposto da execución material da financiación máxima que figura para cada Concello no Fondo Estatal de Inversión Local. Só temos un condicionante: requerimos o proxecto técnico da obra completo”, explicou o Presidente. Ademais do fondo extraordinario da Deputación, a segunda medida anunciada hoxe inclúe asesoramento ós Concellos na interpretación do Real Decreto que regula o Fondo Estatal de Investimento Local. “O máis sinxelo era deixar que os concellos executasen como puidesen os 62.861.986 euros que lle corresponden á provincia de Lugo. Avaliada a situación e sendo realistas, todos somos conscientes e coñecedores das dificultades dos Concellos para executar nun breve prazo este fondo millonario”, explicou Gómez Besteiro. A este respecto, o titular provincial subliñou que “para que os Concellos podan acollerase ó noso Fondo extraordinario imos instrumentalizalo a través de convenios de colaboración personalizados que se asinarán cos Alcaldes nas vindeiras semanas”. Os 67 Concellos da provincia, agás o de Lugo –co que se están a levar a cabo outras actuacións importantes como o Plan Urban e que ademais ten recursos materiais e técnicos suficientes-, poderán acollerse a este Fondo extraordinario da Deputación. Canles de comunicación Para axilizar a cooperación cos Concellos, a Deputación xa habilitou na portada da páxina web (www.deputacionlugo.org) toda a información necesaria para que os Concellos poidan solicitar as axudas, ou ben, poderán remitirse á Área de Cooperación cos Concellos. Para contactar cos técnicos provinciais, os Alcaldes teñen a súa disposición todo tipo de canles: Correo electrónico: cooperacion@deputacionlugo.org Teléfonos: 982 260 105/106/107 Fax: 982 260 165 Besteiro remarcou que a Deputación de Lugo está ó servizo dos Concellos. “É a nosa filosofía desde que chegamos hai ano e medio ó goberno desta institución e así o estamos demostrando, apostando por asuntos estratéxicos como a rede provincial de parques de bombeiros, o pago da débeda do canon hidroeléctrico ou a UNED. Así nos comprometimos tamén na “Declaración de Lugo”, asinada hai escasas semanas por todas as Deputacións de España neste mesmo salón”.