Deputación de Lugo

A Mariña e a Ribeira Sacra, destinos esta semana en Km0

Amas de casa de Lugo, veciños de Ribadeo e autónomas da provincia participan nesta iniciativa

A Mariña e a Ribeira Sacra son os destinos do programa Km0 na terceira semana de abril. Amas de casa de Lugo, veciños da parroquia ribadense de Remourelle e autónomas da provincia participarán nesta iniciativa que promove a Deputación co obxectivo de dar a coñecer a provincia ós lucenses e promover a economía a nosa provincia. Este martes a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiu no Pazo de San Marcos a un grupo de 55 membros da Asociación de Amas de Casa “O Urugallo” que, a continuación, percorreron as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño. Despois trasladáronse ata o Concello de Burela, onde pola tarde visitaron a lonxa e o Museo do Barco Boniteiro. Tamén subiron ó mirador do Castelo. Mañá serán 55 integrantes da asociación de veciños “A Madanela” de Remourelle os que partipen en Km0. Neste caso coñecerán as Ínsuas do Miño e, pola tarde, visitarán os eucaliptos de Chavín, o Mosteiro de Valdeflores e subirán ó Monte de San Roque. Por último, o xoves un grupo de 36 membros da asociación de autónomas da provincia coñecerán o Mazo de Santa Comba e logo desprazaranse ata a Ribeira Sacra onde visitarán o pobo de San Miguel de Eiré e o Mosteiro de Ferreira de Pantón.