Deputación de Lugo

O equipo xaponés de fútbol sala Human/Falco visita o Pazo de San Marcos convidado pola Área de Deportes da Deputación

Antonio Veiga asegurou que os equipos galegos teñen moito que “aprender” pero tamén moito que “ensinar” polo menos no que atinxe ao deporte de base

Os xaponeses visitan a Cidade das Murallas para coñecer a metodoloxía de traballo e a estrutura interna do Azkar Lugo O delegado a Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, recibiu este luns, no Pazo de San Marcos, o equipo de fútbol sala xaponés Human/ Falco. No acto tamén estiveron presentes o presidente do Azkar Lugo FS, Manuel Vázquez Corredoira, e outros directivos do club. Ademais, acompañando o equipo xaponés estivo tamén o representante do grupo Human en España, Aoki Rytaro. No transcurso da súa intervención, Antonio Veiga deulles a benvida á Deputación e á cidade de Lugo aos xogadores do equipo de fútbol sala xaponés Human/Falco. Logo disto, o delegado da Área de Deporte da Deputación, loou o traballo realizado polo Azkar Lugo FS en prol do deporte de base. Así, Antonio Veiga asegurou que “o bo facer” desta entidade deportiva “espertou o interese dun club estranxeiro e procedente dun país tan afastado ao noso como é o Xapón”. Nesta liña, engadiu tamén que “os equipos lucenses, e por extensión, os galegos, temos moito que aprender, pero tamén moito que ensinar neste deporte de base”. Ademais disto, Antonio Veiga manifestou que a Área de Deporte da Deputación de Lugo apoia e seguirá apoiando todas aquelas iniciativas que sirvan para potenciar e fomentar a práctica e o desenvolvemento do deporte de base e, tamén, para mellorar os aspectos formativos referidos ás distintas disciplinas deportivas existentes en todas e cada unha das comarcas lucenses. Esta é a segunda vez que o Human/Falco visita a Cidade das Murallas e, desta vez, ao igual ca anterior, os xaponeses pretenten coñecer a metodoloxía de traballo e a estrutura interna do club Azkar Lugo. Un equipo “de referencia” no eido do deporte de base galego, tal e como o definiu o delegado da Área de Deportes da Deputación, Antonio Veiga. Ademais de asistir ao encontro de liga do conxunto lucense ante o Caja Segovia que tivo lugar o pasado sábado 28 de marzo, o equipo xaponés tamén realizou e realizará varios adestramentos xunto cos xogadores lucenses e participará en varias conferencias. O Human/Falco estará en Lugo ata o vindeiro día 3 de abril.