Deputación de Lugo

Aprobadas as bases do Programa de Apoio ó Tecido Empresarial impulsado polo INLUDES e destinado a autónomos e microempresas da provincia

Imaxe deputación de lugo
As bases publicaranse no BOP esta semana e o prazo de solicitude será inminente

A Comisión Executiva do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobou este luns as bases do Programa de Apoio ó Tecido Empresarial destinado a microempresas e autónomos da provincia de Lugo, e co que se pretende favorecer o desenvolvemento económico, a calidade no traballo e impulsar o sector produtivo da provincia. Logo do visto e prace por parte da Comisión Executiva, as bases sairán publicadas esta mesma semana no Boletín Oficial da Provincia, momento a partir do cal as empresas poderán solicitar as axudas que contempla o Programa. Na Comisión participaron o Presidente do INLUDES, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente, Antón Bao, o Deputado de Medio Ambiente, Ricardo Parada e o Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño. Para a posta en marcha desta iniciativa o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social destinará 625.000 euros. Inclúe 3 tipos de subvención que quedarán adxudicadas antes de que remate o ano. As axudas xiran en torno a 3 liñas de actuación: 1.- Acceso á sociedade da información e da comunicación: Subvencionaranse aquelas accións destinadas á inserción a niveis básicos na sociedade da información como adquisición, instalación e montaxe de equipamentos para o proceso de información, deseño e implantación de sistemas de venda non presenciais, gastos de desenvolvemento e implantación dunha páxina web, alta de conexión a Internet en banda ancha ou tarifa plana, etc. Importe a subvencionar: ata un 35% do investimento que resulte subvencionable e cun máximo de 3.000 euros. 2.- Consolidación e mellora do tecido empresarial: Subvencionaranse todas aquelas accións que supoñan o fortalecemento do tecido empresarial cara a modernización, rehabilitación e promoción de áreas de actividade económica da provincia de Lugo como obras e instalacións que supoñan innovación, transformación, reordenación, ampliación, reforma ou mellora dun establecemento de negocio xa existente, adquisición de mobiliario e maquinaria específicos necesarios para o exercicio da actividade empresarial; deseño e execución de campañas publicitarias ou promocionais, etc. Importe a subvencionar: ata un 35% do investimento que resulte subvencionable e cun máximo establecido para cada axuda de 12.000 euros. 3.- Axudas para os gastos de actividade: Subvencionaranse aquelas accións destinadas á fixación da poboación no seu propio territorio que favorezan a corrección de desequilibrios territoriais para mellorar o rendemento e a produtividade das empresas. É o caso dos gastos correntes de alugueiro do local de negocio, publicidade, subministracións (auga, luz e teléfono,…), prima de seguros, etc. Importe a subvencionar: ata un 20% do gastos subvencionables e cun máximo establecido de 2.000 euros por empresa beneficiaria. Na valoración de adxudicación priorizaranse as características do territorio no que se ubica a empresa, a densidade poboacional do Concello na que se atopa, a taxa de desemprego do municipio, a viabilidade económica da empresa, así como a aquelas PEMES que favorezan a contratación de persoal con máis dificultades de inserción laboral.