Deputación de Lugo

A Presidenta da Deputación en funcións destaca o labor dos emigrantes galegos na promoción da
nosa cultura

Lara Méndez participou na homenaxe a Xosé Manuel Seivane promovida pola Federación de Entidades Culturais Galegas en CatalunyaA exposición permanente do Taller de Instrumentos Musicais do CENTRAD amosa un peza elaborada polo artesán de gaitas

A Presidenta da Deputación de Lugo en funcións, Lara Méndez, destacou, durante a xuntanza organizada este xoves na Mariña pola Federación de Entidades Culturais Galegas en Catalunya, o labor que están a desenvolver os emigrantes galegos na promoción da nosa cultura. Para a responsable provincial os emigrantes son os nosos mellores embaixadores e, nese senso, loubou o importante traballo que está a realizar a Federación de asociacións en Cataluña, unha das Comunidades Autónomas con máis emigrantes lugueses. Lara Méndez felicitou á organización por homenaxear este ano ó artesán de gaitas Xosé Manuel Seivane, natural da Pastoriza, que abriu o seu primeiro obradoiro en Ribeiras de Piquín. Dixo que Seivane é todo un referente no mundo cultural e artístico na nosa provincia e de Galicia, e subliñou o feito de que se estea a manter a través da saga familiar que dirixe un dos talleres de gaitas máis importantes de nosa Comunidade. A Presidenta en funcións e responsable do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación destacou que a exposición permanente do Taller de Instrumentos Musicais do CENTRAD amosa unha peza elaborada por Xosé Manuel Seivane. Para nós isto é un luxo e supón un atractivo máis desta mostra que reúne valiosísimos instrumentos. Programa da xuntanza A Federación de Entidades Culturais Galegas en Catanunya elexiu este ano A Mariña para celebrar a súa xuntanza anual. O encontro comezou cunha visita á praia das Catedrais e continuou cunha recepción de autoridades na Casa Consistorial de Ribadeo. No acto, presidido polo Alcalde da localidade, Fernando Suárez Barcia, participou Lara Méndez e tamén asistiu o artesán. Ó remate desta recepción, a mandataria provincial participou nun xantar no Mirador de Santa Cruz e na emotiva homenaxe que se rendiu ó patriarca dos Seivane. Mañá, 8 de agosto, Lara Méndez participará nos actos organizados por outra asociación de emigrantes en Cataluña: O Penedo -Fogar Galego. Lara Méndez será a encargada de ler a ofrenda na Catedral de Lugo. Despois recibirá no Pazo provincial ós membros desta agrupación.