Deputación de Lugo

A Deputación realiza investimentos en materia de medio ambiente por valor de 7.000.000 euros

A Vicepresidenta Segunda inaugurou o ciclo de xornadas Impactos Ambientais: Enerxías Renovables en Galicia

A Deputación de Lugo realiza en 2008 investimentos en materia de medio ambiente por valor de 7 millóns de euros. Así o destacou a Vicepresidenta Segunda da Deputación Lara Méndez, na inauguración da décimo novena edición do ciclo de xornadas Impactos Ambientais: Enerxías Renovables en Galicia que se desenvolve no Pazo de San Marcos desde hoxe ata o día 5 e desde o 10 ó 13 de novembro. “Na Deputación de Lugo cremos no medio ambiente, pero CREMOS con maiúsculas. Proba disto é que este ano destinamos a esta materia 7.000.000 de euros. O cambio climático que xa estamos a notar, o efecto invernadoiro, o urbanismo non controlado… son factores que están modificando o medio ambiente, polo que o papel das administracións é clave se queremos conseguir un territorio sostible”. Unha das actuacións que se contemplan dentro da liña a seguir pola Deputación en materia medioambiental é a creación da Axencia Provincial da Enerxía, que conta con 410.900 euros de presuposto, dos que o 60% serán financiados pola Unión Europea e o 40% restante pola institución provincial. Con esta iniciativa preténdese mellorar o aproveitamento dos recursos enerxéticos provinciais e favorecer a sensibilización tanto das autoridades locais como das empresas e da cidadanía sobre a escaseza dos recursos enerxéticos, así como da necesidade dun uso racional e compatible coa economía e o medio ambiente. “A Deputación de Lugo ten que estar orientada ás enerxías renovables, sobre todo porque Lugo é unha provincia donde temos un patrimonio amplísimo e o 55% do territorio é Reserva da Biosfera”. Outra das iniciativas postas en marcha pola Deputación en materia de medioambiente é Lug02, un proxecto dotado con 5.000.000 de euros e que vai poñer en valor o desenvolvemento dos municipios incluídos nos espazos naturais. Asimesmo, Méndez lembrou que “na Deputación temos máis liñas de traballo cara o medio ambiente como é o caso do programa de visitas institucionais á Deputación e ó resto da provincia Km0”. Ademais, engadiu que “imos traballar con outras institucións tanto españolas como portuguesas para a reforestación dos nosos bosques e dos recursos hídricos a través de iniciativas como Arbórea, proxecto europeo solicitado polo INLUDES. Pero tamén colaboramos coa Xunta de Galicia para converter o Pazo de Tor nun referente a nivel medioambiental en todo o territorio nacional”. As xornadas, coas que colabora a institución provincial, están organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias. O ciclo de conferencias deu comezo coa xornada a enerxía na sociedade tecnolóxica: cara un novo equilibrio, impartida polo Catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long. Mañá, día 4, o Director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans del Valle, disertará sobre a transformación da biomasa en enerxía térmica e eléctrica: experiencias galegas.