Deputación de Lugo

Gómez Besteiro e Caride avaliaron o invetimento de 85 millóns de euros que realizará a CPTOPT na provincia de Lugo

Entre os asuntos do día analizaron a proposta de transferencia de estradas entre a Deputación e Xunta, así como a creación de solo industrial

Os orzamentos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para o vindeiro ano contemplan un investimento de 85 millóns de euros na provincia de Lugo en materia de infraestruturas. Este foi un dos temas tratados polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Conselleira de Política Territorial e Obras Públicas, María Xosé Caride, na xuntanza que mantiveron este luns, e na que analizaron as actuacións que figuran no Plan Director de Estradas de Galicia para a provincia así como a proposta de transferencia de estradas entre a Xunta e a colaboración en materia industrial organismo provincial. O máximo mandatario provincial destacou que “é moi salientable que por vez primera a Consellería de Política Territorial se dirixe ás Deputacións para abordar un asunto tan importante como a transferencia de estradas. Ata o de agora nunca antes existira esta intensa colaboración institucional”. A reunión entre María Xosé Caride e José Ramón Gómez Besteiro serviu tamén para afondar na proposta inicial da CPTOPT sobre a transferencia de estradas entre a Xunta e o órgano provincial que, segundo explicou a Conselleira, “trátase dun documento base que agora será avaliado polo miúdo entre os técnicos da Consellería e da Deputación co fin de chegar a un consenso sobre os cambios de titularidade”. En todo caso, María Xosé Caride reafirmou o compromiso de que todas as cabeceiras de Concellos deben ter acceso a través dunha estrada autonómica e que a Xunta asumirá as estradas provincias no estado no que se atopen mentres que acondicionará as súas estradas autonómicas antes de transferilas á Deputación. Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro cualificou de “moi satisfactorio” o encontro mantido coa Conselleira e recalcou que tanto a Xunta como o Goberno do Estado “están a cumprir cos obxectivos de reequilibrio territorial prometidos, o que fai que Lugo pase a ocupar unha posición central no noroeste peninsular”. Asimesmo, o titular provincial referiuse á dispoñibilidade de Política Territorial para “habilitar os mecanismos para que os investimentos da Deputación en materia de solo empresarial se fagan realidade en moitos pequenos concellos da provincia”. Tamén, lembrou a política de colaboración que mantén a Deputación coa Xunta de Galicia en materia de parques industriais, xa que SUPLUSA está a traballar para complementar o labor de Xestur. Outras actuacións Entre outras actuacións destacadas, María Xosé Caride salientou como “moi potente” o inicio das obras da Vía de Altas Prestacións Sarria-Monforte, que dará continuidade ao corredor Nadela-Sarria, a punto de entrar en servizo. Asimesmo, aludiu ás obras do corredor da Costa Norte, que comezarán este ano pola variante de Ortigueira e que, segundo dixo, será unha infraestrutura que “multiplicará os efectos positivos da Autovía do Cantábrico”. A Conselleira tamén lembrou os proxectos a acometer na zona da montaña luguesa, cun obxectivo fundamental de contribuír á mellora das comunicacións e ao reequilibrio territorial.