Deputación de Lugo

1.500 persoas particparon no programa Km0 desde a súa posta en marcha no mes de setembro

Membros das Aulas da Terceira Idade de Monterroso visitan hoxe o Castro de Viladonga e o Centro de Cestería

Unhas 1.500 persoas participaron no programa de visitas medioambientais Km0 desde que se puxo en marcha o 2 de setembro. Esta iniciativa promovida pola Deputación ten por obxectivo que os lucenses coñezan a función da institución e o traballo que está a desenvolver, así como a riqueza patrimonial e paisaxística da provincia. Os destinos desta semana serán a Terra Chá, A Mariña e a Ribeira Sacra. Este martes, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu no Salón de Actos do Pazo Provincial a un grupo das Aulas da Terceira Idade de Monterroso ós que lles explicou a finalidade deste programa. A continuación visitaron os Centros de Artesanía e Deseño, de Cestería e de Interpretación de aves. A ruta elexida incluíu os Lagos de Teixeiro, a capela das Neves, no Concello de Pol, o Castro de Viladonga, e a Torre de Bordón, en Outeiro de Rei. Mañá tamén serán veciños de Monterroso os que participen en Km0. Neste caso pertencen á asociación cultural e veciñal “O Cairón”. Visitarán o conxunto etnográfico do Mazo de Santa Comba e despois desprazaranse ata a Ribeira Sacra onde se lles ofrecerá unha degustación nunha das adegas que hai na zona. Ademais realizarán unha ruta a pé ata o mirador de Pena do Castelo e unha travesía fluvial en catamarán desde Doade. A Mariña será o destino da ruta do xoves. Membros da asociación de veciños da parroquia de Arroxo, do Concello de Sober, coñecerán as instalacións da Granxa Gayoso Castro e viaxarán ata Viveiro. Na cidade mariñán navegarán no iate Garoa e visitarán a lonxa de Celeiro e o alto de San Roque.