Deputación de Lugo

OS ORZAMENTOS DAS ÁREAS DE CULTURA E DEPORTES DESTINARÁN, NO ANO 2009, MÁIS RECURSOS PARA AXUDAS AO TECIDO CULTURAL E DEPORTIVO

Os investimentos en equipamentos deportivos e culturais marcarán as políticas de colaboración cos concellos e coas entidades

As áreas de cultura e deporte da Deputación xestionarán máis de quince millóns de euros no ano 2009 O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e o deputado delegado da Área de Cultura e Deportes, Antonio Veiga, presentaron hoxe os orzamentos da Área de Cultura e Deportes para o ano 2009. A área de Cultura e Deportes contempla un incremento de 3,69% respectando escrupulosamente o recollido no plan económico financeiro aprobado para o período 2008 – 2011 no que o incremento do orzamento xeral da Deputación está previsto nun 3,22% para o ano 2009 respecto do 2008. Este incremento supón que para o ano 2009 as áreas de Cultura e Deportes contarán cun orzamento aproximado aos 15.300.000 €. Tras un ano de goberno, Antón Bao, salientou que as iniciativas postas en marcha ata o de agora “ían por moi bo camiño” e que a Área de Cultura e Deportes seguiría traballando para mellorar os resultados obtidos no 2008. Nesta mesma liña destacou a necesidade de incrementar as partidas destinadas a potenciar o tecido asociativo cultural e deportivo dos concellos lucenses. Con este obxectivo, está previsto que no exercicio do 2009 se incrementen notablemente as cantidades destinadas ás partidas de inversión e aos investimentos que corresponden a Cultura e Deportes. Bao anunciou que o incremento total da área nos fondos destinados a axudas e a investimentos ascende a máis de 1.300.000 €. Bao explicou que “tendo en conta que o incremento total do orzamento nas áreas de cultura e deporte é de 544.888 euros é significativo o esforzo que se fixo para lograr achegar á sociedade case o triplo desta cantidade en forma de subvencións e de investimentos en obras”. Este aumento nas partidas que irá dirixidas a investimentos e axudas é posible grazas á suma do incremento do orzamento e á optimización dos recursos que permitiu engrosar estas partidas. O vicepresidente explicou que unha vez transcorrido o primeiro exercicio orzamentario completo á fronte do goberno da Deputación “puidemos estudar e analizar na práctica cales eran as partidas orzamentarias destinadas a gastos de funcionamento interno que en certo modo estaban sobredimensionadas como herdanza das dinámicas establecidas durante 24 anos do goberno anterior”. Bao sinalou que “unha vez que as áreas están estruturadas e funcionando ao cento por cento marcámonos o obxectivo de optimizar ao máximo os recursos propios e controlar os gastos do funcionamento”. Este axuste orzamentario permitiu recuperar máis de oito centos mil euros para destinalos á inversións, investimentos e liñas de axudas. Antón Bao resaltou que a filosofía destes orzamentos nas áreas de Cultura, Deportes, continua baseándose no seu carácter participativo grazas aos numerosos contactos que os responsables e os técnicos das áreas están mantendo, de xeito continuado, coas diferentes asociacións, clubs, entidades e persoas vencelladas ao mundo do deporte e da cultura, “estes orzamentos foron elaborados por e para a xente, sendo conscientes da situación económica que estamos a vivir”. O vicepresidente lembrou que en situacións de crise económica as actividades deportivas e culturais son as máis prexudicadas, xa que, as aportacións do capital privado diminúen de xeito drástico. Antón Bao destacou tamén o protagonismo que os concellos van a ter a través da execución destes orzamentos. Este apoio materializarase coidando de xeito especial as actuacións a desenvolver naqueles concellos con menores posibilidades económicas, atendendo ás características xeoeconómicas e sociais específicas de cada un deles. UNS ORZAMENTOS PARA A CULTURA Pola súa banda o deputado responsable da área de Cultura e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, explicou detalladamente as partidas orzamentarias destinadas ás áreas de cultura, deportes, servizo de publicacións, e os centros da rede museística. Veiga definiu como liñas fundamentais “dar a coñecer o importantísimo patrimonio cultural que posuímos tanto material como inmaterial e potenciar o capital humano que materializa a nosa cultura través do tecido asociativo, da música, do teatro, das artes plásticas e das letras” Veiga sinalou que a área de cultura seguirá mantendo como obxectivo a descentralización da actividade cultural para que chegue a todas as comarcas e a todos os concellos para que “os que viven nos concellos máis afastados e menos poboados poidan acceder á cultura do mesmo xeito que os que habitan vilas e cidades” No tocante á área de cultura o obxectivo fundamental será o de consolidar as accións iniciadas no pasado exercicio e que concluíron coa creación de estruturas e a posta en marcha de actividades dirixidas á promoción da nosa cultura en diferentes eidos. Veiga lembrou a creación do centro asociado da UNED en Lugo, o apoio aos conservatorios municipais da provincia e á creación da Tradescola, o fomento de actividades dirixidas a poboación escolar e aos concellos ademais da potenciación que se fixo do cine, da maxia, dos monicreques, e da música a través ciclos organizados pola propia área de cultura. Outras das liñas que continuarán primando no ano 2009 serán as destinadas á posta en valor do patrimonio inmaterial. Veiga destacou o importante incremento do orzamento da área de cultura que aumenta en un 22% respecto ao orzamento do ano 2008. O incremento dos orzamentos da área de cultura céntrase nos apartados consignados para axudas e investimentos deste xeito os orzamentos do 2009 asignarán máis de dous millóns de euros ao capítulo de axudas e 650.000 euros aos investimentos que se realizarán, na súa práctica totalidade, a través dos concellos. O deputado responsable da área de cultura anunciou tamén a creación de novas liñas de axudas que completarán as establecidas no exercicio 2008. MAÍS DE 6 MILLÓNS DE EUROS PARA O DEPORTE No tocante á área de Deporte o deputado responsable da área, Antonio Veiga, resaltou que as liñas orzamentarias irán destinadas a apoiar polo deporte de base e os deportes minoritarios. Tamén informou que haberá unha partida de máis de un millón de euros destinada a mellorar e crear infraestruturas deportivas nos concellos. O incremento no capítulo das axudas destinadas aos clubs, entidades, concellos e deportistas será de case 300.000 € co que se porán á disposición do deporte lucense máis de tres millóns de euros. Este aumento no orzamento permitirá mellorar as axudas destinadas á actividade deportiva, á promoción de eventos e competicións por parte de todos os axentes que traballan para promover o deporte. Antonio Veiga informou tamén que o capitulo de investimentos