Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia que o reparto do canon ós 16 Concellos afectados pecharase antes de que remate o ano

O Presidente da Deputación afirmou que previamente quedará concretado o Plan de investimentos no Concello de Chantada

O titular provincial instou ó PP a que diga quen é o setimo pasaxeiro da viaxe a Sudamérica “porque non vou consentir que me acusen de mentir no Pleno” O Pleno aproba por unanimidade os Estatutos do Consoricio Provincial de bombeiros e a ampliación dos servizos e asistencia ós Concellos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou no Pleno deste martes que antes de que remate o ano estará concretado o plan de investimentos da Deputación relativo ó canon hidroeléctrico de Chantada para 2008. “A continuación abordaremos ó reparto do resto dos 16 Concellos afectados polos encoros, e farase dun xeito individualizado. Ese reparto se protocolizará con cada un dos municipios en convenios, que poderán aceptar ou non, e que deberán incluír unha cláusula de exoneración de responsabilidade xudicial”. Gómez Besteiro fixo fincapé na diferenza do compromiso con Chantada e co resto dos municipios: “hai un compromiso xudicial con Chantada e un compromiso político cos outros 16 Concellos que, sen ter sentenza gañadora, recibirán unha reparación ó amparo do compromiso político deste equipo de goberno”. O máximo responsable provincial dixo que para o reparto do canon ós Concellos da Fonsagrada, Guntín, Mondoforte de Lemos, Negueira de Muñiz, Pantón, Paradela, O Páramao, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, O Sabiñao, Taboada, Xermade “haberá criterios de poboación, de superficie anegada, de potencia instalada, pero tamén pode haber outros como o esforzo fiscal ou perda de poboación desde a construción dos encoros.” Viaxe a Sudamérica Por outra banda, e en contestación a unha pregunta do grupo provincial socialista, José Ramón Gómez Besteiro instou ós responsables do Partido Popular a que digan quen é o setimo viaxeiro na viaxe institucional a Sudamérica de setembro ó que se refiren nun comunicado de prensa, e no que acusan ó Presidente da Deputación de mentir no Pleno. “Insisto categoricamente en que só viaxaron 6 persoas; quen afirma que foron sete que aclare quen foi o setimo pasaxeiro. Nós dicimos que foron seis, e aqueles que aseguran que foron 7 deben dicir quen é esa setima persoa”. Gómez Besteiro pediu “que se aclare esta cuestión, que para min non é menor, porque non vou consentir que se afirme que mentín nun Pleno. Se foi un erro, que se diga, e non pasou nada.” Estatutos Consorcio Bombeiros A Corporación aprobou por unanimidade os Estatutos do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación, xunto coa Consellería de Presidencia, do servizo contra incendios e salvamento. Este é un paso decisivo e previo á creación do Consorcio que poñerá fin a unha das débedas históricas da Deputación que afrontou o actual equipo de goberno. O organismo provincial e a Consellería de Presidencia asumirán ó 50% o financiamento de 5 parques en Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria e Chantada. O Deputado Claudio Garrido amosou a súa satisfacción “por conseguir un dos obxectivos prioritarios deste equipo de goberno, e que resolve un dos problemas máis importantes que tiña esta provincia”. Máis asistencia ós Concellos Tamén houbo acordo unánime na ampliación significativa dos servizos e asistencia a prestar ás Entidades Locais. Segundo puxo de manifesto o Deputado da Área de Cooperación cos Concellos e voceiro do grupo socialista, Antonio Gato Soengas, “a asistencia e cooperación cos Concellos constitúe un eixo estratéxico da actuación deste Goberno, tal e como anunciou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, no seu discurso de investidura”. O servizo reformado incluiría asistencia e defensa letrada en xuízo, asistencia e asesoramento xurídico, económico e contable e asistencia técnica e urbanística, así como en materia de informática de persoal e formación dos empregados das Entidades Locais. Para abarcar este catálogo de prestacións dotarase ó servizo con máis medios persoais e, neste senso, Gato Soengas lembrou que “xa se teñen adoptados os acordos de ampliación do cadro de persoal”. A proposta inclúe un calendario de implantación de cada unha destas prestacións durante o ano 2009. Dentro da actuación prioritaria que supón para o actual equipo de goberno a colaboración cos Concellos, tamén se aprobou co apoio dos tres grupos provinciais un convenio-tipo de colaboración entre a Deputación e os Concellos para o apoio técnico en materia de planificación e xestión de recursos humanos, unha iniciativa que conta co apoio dos representantes sindicais. O Deputado de Persoal e Réxime Interior, Melchor Roel, fixo referencia á realidade laboral na que se atopan os Concellos desa provincia “onde 1.762 traballadores, un terzo do total, ten contratos temporais, aínda que realizan traballos de carácter permanente debido a que os Concellos foron asumindo nos últimos anos a prestación de novos servizos” As Entidades Locais que se sumen a este convenio recibirá asistencia e apoio técnico en actuacións que deben afrontar as Entidades Locais en materia de persoal como plans de ordenación dos recursos humanos, valoracións dos Postos de Traballo, confección da Relación de Postos de Traballo, análise de necesidade dos recursos humanos, elaboración e aprobación da Oferta de Emprego Público etc. Por último, acordouse a cesión gratuíta ó Concello de Cervantes dunha parcela sobrante da estrada Cervantes-Piornedo para o acondicionamento dun parque infantil en San Román.