Deputación de Lugo

Empresarias autónomas da provincia participan no programa Km0

Os eucaliptos de Chavín, o contorno das covas do Rei Cintolo e a Catedral de Mondoñedo, rutas desta semana

Un grupo da Asociación de Empresarias Autónomas da provincia de Lugo participan este martes no programa de visitas medioambientais Km0 cunha ruta que inclúe o eucaliptal de Chavín, no Concello de Viveiro. Ademais, esta semana desprazaranse ata a Ribeira Sacra e Mondoñedo dous grupos da terceira idade de Monterroso e Lugo. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu esta mañá no Salón de Actos a un grupo de 55 persoas, entre as que hai empresarias autónomas da provincia e membros das Aulas da Terceira Idade de Lugo. Gómez Besteiro dixo que “é importante apoiar ós nosos autónomos xa que son os que sosteñen a economía da provincia”, e lembrou que apoiar a este sector é, precisamente, un dos obxectivos do programa Km0. Trala recepción, as empresarias visitaron o Museo da Oleiría de Bonxe e viaxaron á Mariña. A ruta inclúe un paseo polo eucaliptal de Chavín, no Concello de Viveiro, formado por árbores centenarias de máis de 80 metros de altura e 2,5 de diámetro. Esta especie de orixe australiana introduciuse na zona hai 150 anos para axudar na drenaxe dos terreos baixos asolagados polos regatos do río Landro. Tamén visitarán varias Casas de Indianos e o Mosteiro de Valdeflores, construído no barrio da Xunqueira no século XIV. O percorrido ramatará no Alto de San Roque. Ribeira Sacra e Mondoñedo Mañá un grupo da Asociación Terceira Idade de Monterroso visitará as instalacións do INLUDES e a Ribeira Sacra onde farán unha ruta a pé ata o Mirador da Pena do Castelo. Ademais participarán nunha degustación nunha das adegas da comarca e realizarán unha travesía fluvial en catamarán por Amandi. Polo que se refire ó xoves, Km0 chegará á zona de Mondoñedo. Tras coñecer as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, un grupo das Aulas da Terceira Idade de Lugo visitará ó emprazamento das Covas do Rei Cintolo, un conxunto de extensas cavidades, cunha lonxitude aproximada de 6 quilómetros de galerías. Continuarán o seu percorrido pola Catedral de Mondoñedo e pola a Fonte Vella, ou Fonte de Álvaro Cunqueiro, e farán unha visita a pé polo Casco Histórico.