Deputación de Lugo

Deputación, Xunta e Concello adxudican as obras do parque de bombeiros de Sarria por 699.000 euros

Gómez Besteiro avanzou que o parque “funcionará a pleno rendemento no derradeiro trimestre de 2009” e rondará os 2 millóns de euros

A infraestrutura, que foi adxudicada no día de onte, conta cun prazo de execución de 10 meses O Presidente da Deputación, a Directora Xeral de Protección Civil e o Alcalde de Sarria, que estivo acompañado por membros da Corporación Municipal, visitaron os terreos nos que se construirá o parque de bombeiros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Directora Xeral de Protección Civil, Esther Fontán, e o Alcalde de Sarria, Claudio Garrido, anunciaron este venres en Sarria que as obras do parque de bombeiros de Sarria foron adxudicadas en 699.000 euros á empresa Feyju Galicia. A esta candidade hai que engadirlle os custes de equipamento que se incoporarán proximamente, acadando un valor total de 2 millóns de euros. Gómez Besteiro e Fontán destacaron que “a rede provincial de parques bombeiros da provincia de Lugo estase a executar cunha velovidade de cruceiro. Ademais, é exemplar en Galicia polo seu modelo de xestión. O Consorcio Provincial terá unha xestión única baixo a responsabilidade plena da Deputación e da Xunta de Galicia, que son os que financian ó 100% a rede provincial, que conta cun investimento de 9 millóns de euros e un mantemento anual próximo ós catro millóns de euros. Deste xeito, aliviamos ós Concellos da obriga de aportar unha porcentaxe ó Consorcio. Cos anteriores gobernos e a antiga Lei de Emerxencias, a Deputación só asumía o 30% dos custes e cargaba o 20% ós municipios correspondentes”. O parque foi adxudicado no día de onte e conta cun prazo de 10 meses de execución, de tal xeito que entrará en funcionamento no último trimestre de 2009. A este respecto, o máximo mandatario provincial sinalou que “a aposta deste modelo provincial permitirá atender calquera continxencia fóra da comarca de donde estivese o parque, se así fose necesario. “O feito de actuar baixo unha soa batuta”, tal e como sinalou a Directora Xeral de Protección Civil da Conselleira de Presidencia, “é un exemplo para as outras redes de parques de Galicia”. Gomez Besteiro e Esther Montán subraiaron a eficacia e a rapidez coa que se está facendo realidade a rede de parques de bombeiros. Coincidiron en sinalar como un “fito” que ata o de agora só estivese operativo o parque do Concello da capital e un pequeno parque en Monforte. Deste xeito, engadiron que en 2009 van estar plenamente operativos outros 5 parques de bombeiros máis. O Alcade de Sarria afirmou que hoxe “era un día de enorme satisfacción porque era unha infraestrutura fundamental para a cidade e sempre tivemos as pertas pechadas na anterior administración”. Garrido manifestou que ademais “é un recoñecemento a Sarria como cabeceira de comarca”. Neste senso, tamén se pronunciou Esther Fontán quen explicou que “pelexamos co anterior Presidente para crear parques de bombeiros, pero sempre houbo unha política de porta pechada”. Asimesmo, Gómez Besteiro felicitou a Claudio Garrido porque “non só cedeu os terreos que serán beneficiosos para a comarca senón que o fixo en tempo e prazo”. O titular da institución provincial destacou o papel fundamental do Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, na reunión mantida hai un ano cando fixou como obxectivo fundamental da administración autonómica crear a rede provincial de bombeiros. Neste senso, destacou “a enorme confianza coa que están a traballar a Deputación e a Consellería de Presidencia, xa que estamos adxudicando obras e as dúas administracións estamos poñendo presupostos para mercar equipamentos antes de que quede oficialmente constituído a finais deste ano o Consorcio. Iso é traballar a velocidade de cruceiro, traballar a reo e con confianza”. O Presidente da Deputación tamén saiu ó paso das críticas do PP sobre o custe da rede provincial de parques de bombeiros: “claro que é cara a rede, pero é necesaria. Lugo non pode ser unha provincia que fale con vergoña por non ter cubertas as súas necesidade con parques de bombeiros”. Consorcio Provincial Este parque estará dentro do Consorcio provincial Contra Incendios e Salvamento de Lugo e os seus límites de actuación serán toda a provincia, aínda que terá unha zona preferente que abarca os municipios de Bóveda, O Corgo, O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos e Sarria. Esta área de preferencia ten uns 31.000 habitantes, dos cales o 97,5% recibirá asistencia en menos de 30 minutos e o 70% en menos de 20 minutos. En todo caso, cabe subliñar que os bombeiros de Sarria, ó estar integrados no Consorcio poderán atender a toda a provincia luguesa segundo sexa preciso e colaborando cos demais parques comarcais que tamén entrarán en funcionamento en Lugo o vindeiro ano. O proxecto de edificación do parque comarcal de bombeiros de Sarria é moi similar ao de Chantada, xa que se tende a utilizar o mesmo deseño para todos sempre e cando a parcela se adapte ao mesmo. Será un parque de 738 metros cadrados e con cabida para tres vehículos grandes de bombeiros –autoesqueira, bomba urbana pesada e bomba urbana lixeira-, ademais de ofrecer espazo para albergar os vehículos pequenos. É modulable e ampliable e terá unha única planta. Os estatutos para a creación do Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Lugo están en fase de alegacións e aprobaranse por decreto proximamente. Neste Consorcio estarán integrados cinco parques de bombeiros de carácter comarcal: Sarria, Chantada, Viveiro, Vilalba e Barreiros, que comezarán a funcionar no 2009 e o que suporá un fito histórico e un gran cambio posto que por primeira vez na historia vai haber unha rede de parques comarcais na provincia. Ademais, seguirán en funcionamento os parques municipais de Lugo e de Monforte. En canto ó estado actual destes parques comarcais de bombeiros, o de Sarria xa está adxudicado para iniciar a súa edificación, Chantada xa está en construción e os de Viveiro e Vilalba sairán inmediatamente a licitación. Polo tanto, no 2009 haberá cinco parques de bombeiros funcionando na provincia de Lugo, xa que está iniciada a tramitación para a construción de todos os parques previstos. Coa creación deste Consorcio Provincial preténdese a homoxeneización das prestacións e das condicións de traballo dos servizos de prevención e extinción en toda Galicia e prestar este servizo aos concellos da provincia que non teñan un propio. Ademais, así asegúrase que a actuación nos municipios menores de 20.000 habitantes se realizará en condicións axeitadas. Optouse pola figura dun consorcio único para toda a provincia atendendo ás peculiares características do servizo neste territorio e atendendo a criterios de racionalidade, economía e optimización de recursos. A adopción desta fórmula permitirá unha xestión e planificación centralizada para poder ofertar unha maior e máis rápida cobertura das emerxencias.