Deputación de Lugo

O INLUDES subvenciona con preto de 700.000 euros ós autónomos e microempresas da provincia

Lara Méndez presentou o Programa de Apoio ó Tecido Empresarial que porá en marcha o INLUDES para impulsar o sector produtivo da provincia

Esta é a terceira iniciativa a favor da economía lucense que pon en marcha a Deputación en 50 días e o primeiro destas características impulsado pola institución provincial A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este mércores o Programa de Apoio ó Tecido Empresarial que porá en marcha o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) co obxectivo de favorecer o desenvolvemento económico, a calidade no traballo e impulsar o sector produtivo da provincia. Lara Méndez explicou que esta medida, dirixida ás microempresas e ós autónomos da provincia de Lugo, complementa outros proxectos postos en marcha pola Deputación en prol da economía da provincia como os Programas de Empresas e Sucesión Familiar, iniciado na Mariña Luguesa, e o de formación para empresarios lucenses residentes en Sudamérica. A este respecto subraiou que “é o terceiro programa que poñemos en marcha en 50 días a favor da economía lucense”. A responsable da Área de Promoción Económica e Emprego lembrou que o traballo levado a cabo polo INLUDES neste eido comezou meses atrás cando se presentaron no mes de maio os seus Orzamentos, que foron aprobados definitivamente no mes de xuño. “Xa anunciaramos, ademais, a elaboración dun Plan Estratéxico de Subvencións para as PEMES. O Programa de Apoio ó Tecido Empresarial é a primeira liña de actuación deste plan de concurrencia competitiva. Para nós é moi importante facer fincapé no pequeno empresariado, xa que é o principal motor económico da provincia”. Para a posta en marcha desta iniciativa o Instituto de Desenvolvemento Económico e Social destinará 625.000 euros. Inclúe 3 tipos de subvención que quedarán adxudicadas antes de que remate o ano. “Tendo en conta a situación económica parécenos esencial a axilidade destas iniciativas. Trátase dunha programa moi realista, moi práctico e elaborado desde o sentido común, para o que fixemos un estudo de campo das necesidades que presentaban as PEMES e microempresas da provincia”. As axudas xiran en torno a 3 liñas de actuación: 1.- Acceso á sociedade da información e da comunicación: Subvencionaranse aquelas accións destinadas á inserción a niveis básicos na sociedade da información como adquisición, instalación e montaxe de equipamentos para o proceso de información, deseño e implantación de sistemas de venda non presenciais, gastos de desenvolvemento e implantación dunha páxina web, alta de conexión a Internet en banda ancha ou tarifa plana, etc. Importe a subvencionar: ata un 35% do investimento que resulte subvencionable e cun máximo de 3.000 euros. 2.- Consolidación e mellora do tecido empresarial: Subvencionaranse todas aquelas accións que supoñan o fortalecemento do tecido empresarial cara a modernización, rehabilitación e promoción de áreas de actividade económica da provincia de Lugo como obras e instalacións que supoñan innovación, transformación, reordenación, ampliación, reforma ou mellora dun establecemento de negocio xa existente, adquisición de mobiliario e maquinaria específicos necesarios para o exercicio da actividade empresarial; deseño e execución de campañas publicitarias ou promocionais, etc. Importe a subvencionar: ata un 35% do investimento que resulte subvencionable e cun máximo establecido para cada axuda de 12.000 euros. 3.- Axudas para os gastos de actividade: Subvencionaranse aquelas accións favorecedoras da fixación da poboación no seu propio territorio que favorezan a corrección de desequilibrios territoriais para mellorar o rendemento e a produtividade das empresas. É o caso dos gastos correntes de alugueiro do local de negocio, publicidade, subministracións (auga, luz e teléfono,…), prima de seguros, etc. Importe a subvencionar: ata un 20% do gastos subvencionables e cun máximo establecido de 2.000 euros por empresa beneficiaria. Estudo de campo A Vicepresidenta Segunda da Deputación explicou que para a configuración das bases do programa se realizou un estudo de campo e se tiveron en conta os datos do Instituto Galego de Estatística. Deste xeito, destacou que a provincia de Lugo conta con 25.035 empresas das que só 11 teñen máis de 200 traballadores. Para Lara Méndez estes datos “reflicten que o tecido empresarial que sustenta a economía da provincia é a pequena empresa e os autónomos”. En canto á súa entidade xurídica das empresas 15.668 son Persoas Físicas, 6.756 Sociedades Limitadas, 1.637 Comunidades de Bens e o resto Cooperativas e Asociacións. Polo que respecta ó uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación e comercio electrónico, a responsable do INLUDES explicou que só o 15,5% das empresas galegas dispoñen de intranet, o 5,3% de páxina web para acceso a catálogos de produtos ou a listas de prezos e o 4,6% de páxina web para pagos on line. Valoración exhaustiva da adxudicación Na valoración de adxudicación priorizaranse as características do territorio no que se ubica a empresa, a densidade poboacional do Concello na que se atopa, a taxa de desemprego do municipio, a viabilidade económica da empresa, así como a aquelas PEMES que favorezan a contratación de persoal con máis dificultades de inserción laboral. “O baremo será exhaustivo e terase en conta a aquelas empresas que estén pasando situacións económicas complexas ou que se ubiquen naqueles territorios con densidade poboacional menor. A intención é axilizar o proceso para que poidan dispoñer da subvención na menor brevidade posible”. As empresas poderán acollerse a estas axudas unha vez que sexan aprobadas pola Comisión Executiva do INLUDES, que se celebrará o 3 de novembro, e logo serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia.