Deputación de Lugo

OS PROTAGONISTAS E O DIRECTOR DA PELÍCULA PRADOLONGO FORON RECIBIDOS POLO VICEPRESIDENTE PRIMEIRO DA DEPUTACIÓN

Esta filme galego foi recentemente galardoado no festival de cine de San Sebastián

A Área de Cultura da Deputación de Lugo está a prestar o seu apoio incondicional á difusión desta produción O director e os protagonistas da película galega Pradolongo foron recibidos polo vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao. Os actores Tamara Canosa e Rubén Riós, acompañados polo director, Ignacio Vilar, achegáronse ao museo de Lugo onde recibiron un agasallo de mans de Antón Bao e puideron percorrer algunhas das salas do museo acompañados do vicepresidente primeiro. Antón Bao amosoulles, aos artífices deste filme galego, os parabéns, en nome propio e do goberno da Deputación, polos éxitos acadados e pola calidade do traballo realizado “apostas como esta serven para poñer en valor, non so ao cine e á industria audiovisual galega, se non tamén as nosas potencialidades como pobo e a beleza do noso país”. A película Pradolongo obtivo na pasada edición do festival de cine de San Sebastián, celebrada recentemente, o IV premio Cidade de San Sebastián Film Comission, integrado no marco da sección Made in Spain do festival. O premio foi recibido polo equipo da película o pasado 23 de setembro nos cines Principe da cidade Donostiarra. En anteriores edicións fixéronse co premio, dotado con 12.000 euros, as películas Alatriste, La leyenda del tiempo e En la ciudad. Desta vez, Pradolongo competía coas películas El orfanato e Los crímenes de Oxford, entre outras. O xurado, composto polas actrices Natalia Verbeke e Alicia Borrachero, polo escritor e crítico Manuel Hidalgo e o decorador Pascua Ortega concedeulle o premio á película rodada en Valdeorras por que é a película “que mellor reflexa os valores urbanísticos, paisaxísticos, culturais e sociais de onde foi rodada, e colaborou coa súa promoción como espacio escénico ao servizo da industria audiovisual”. Ademais deste galardón a película xa obtivera o premio á mellor música de longametraxe pola banda sonora no Congreso Internacional de Música de Cine Cidade de Úbeda. Este premio foi dirixido á compositora Zeltia Montes e trátase do premio Jerry Goldsmith, destinado a novos creadores, que serve como recoñecemento e apoio aos compositores que se están iniciando no mundo audiovisual. A música fora gravada pola Galiza Filme Orquestra no estudo Mans Scoring Stage e mesturada nos estudos Bruar da Coruña. A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN CON PRADOLONGO A exhibición pública deste filme foi apoiada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, asín no mes de maio case un milleiro de estudantes puideron achegarse a uns multicines de Lugo e contar coa colaboración da Área de Cultura da Deputación, que ademais de asumir o custo dos autobuses para o transporte dos rapaces e rapazas ata o lugar de proxección, entregou a cada un deles un bono-desconto de 1 euro para facer máis asequible o prezo da entrada. Durante os meses de verán a Área de Cultura da Deputación de Lugo patrocinou a proxección deste filme nun total de 20 concellos das comarcas de Lugo, proxeccións ás que acudiron máis de 4000 persoas, cun novedoso sistema de proxección, en alta definición, con pantallas hinchabéis cunha ampla superficie de proxección especialmente axeitadas para a proxección en exteriores. O vicepresidente anunciou que a Área de Cultura está estudando a posibilidade de distribuír exemplares en DVD da película para os centros de ensino de secundaria de toda a provincia.