Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo acolle a entrega dos IV Premios á solidariedade organizados por ONCE Galicia

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro participará na entrega dos galardóns xunto co Conselleiro de Traballo e o Alcalde de Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará mañá martes, 28 de outubro, xunto co Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e o Presidente da ONCE en España, Miguel Carballeda Piñeira, na entrega dos IV Premios á solidariedade organizados por ONCE Galicia, que terán lugar no Pazo de San Marcos. O presentador de radio e televisión, Paco Lodeiro, será o encargado de conducir a gala, durante a que recibirán o Premio de Medios de Comunicación, Localia TV de Santiago; de Accesibilidade Universal e Igualdade, a asociación Pro-Discapacitados Psíquicos Apader de Cedeira; de Integración Laboral, o Concello de Carballo, e como Galegas Destacadas no impulso á Integración, Sor Micaela Duque, superiora do Cottolengo de Santiago de Compostela, e Pilar Mingote, presidenta da asociación de axuda ás presas de Teixeiro: Nosotras Intramuros. Esta é a cuarta vez que se conceden os galardóns, que convoca con periodicidade bienal o Consello Territorial de ONCE-Galicia, que preside Mª Dolores Venancio Vilaboy, co obxectivo de recoñecer as accións solidarias que emanan desde todos os sectores da sociedade galega a favor da integración das persoas cegas ou con calquera outra discapacidade, e que axudan á construción dunha sociedade máis xusta e igual para todos. Os correspondentes a esta IV edición, que se celebra en Lugo, falláronse no pasado mes de maio, en Santiago de Compostela, por un xurado integrado polos directores de 18 medios de comunicación de Galicia, e do que tamén formaron parte o Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, así como o Delegado Territorial e a Presidenta do Consello Territorial da ONCE. Os galardoados recibirán unha peza única e personalizada realizada pola artista coruñesa Julia Ares, e un diploma. O Conselleiro de Traballo da Xunta, Ricardo Varela, representando ó Presidente da Xunta, e o Presidente da ONCE en España, Miguel Carballeda Piñeiro, entregarán os cinco premios, acompañados do Alcalde de Lugo, José López Orozcco, do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, da Presidenta do Consello Territorial de ONCE-Galicia, Dolores Venancio e do Delegado Territorial, Eugenio Ferradás. No transcurso da mesma, a ONCE rendirá tamén unha homenaxe ó diario El Progreso de Lugo no ano do seu centenario, facéndolle entrega á súa presidenta, Blanca García Montenegro, dunha reprodución esmaltada do cupón homenaxe o centenario do diario lucense que se sorteou o pasado 16 de agosto. O acto concluirá cunha breve actuación dunha sección da Coral “Cidade de Vigo” da ONCE. Nove dos seus compoñentes (2 baixos, 3 contraltos, 1 tenor e 3 sopranos), dirixidos polo profesor de piano Mariano Vázquez Tur, interpretarán cinco pezas na honra dos premiados e asistentes.