Deputación de Lugo

Presidentes de 23 Deputacións de España participarán na Comisión da FEMP que acolle a Deputación

Imaxe deputación de lugo
Ó acto tamén asistirán o Conselleiro de Traballo, o Presidente da FEMP e o Alcalde de Lugo

Os representantes abordarán cuestións relacionadas co financiamento local e os proxectos de cooperación con Portugal A Deputación de Lugo acolle mañá a reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias na que participarán 23 representantes dos gobernos provinciais españoles, entre eles o Presidente e Vicepresidente da Comisión, Antonio Fogué Moya e Ramiro Ruíz Medrano, titulares das Deputacións de Barcelona e Valladolid respectivamente. As negociacións e intercambios impulsados polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixeron posible que o encontro se celebre na cidade de Lugo, contribuíndo a unha maior proxección e visibilidade estatal da Deputación lucense e a un achegamento con outras administracións provinciais consideradas modélicas en España, a de Barcelona. Trátase da primeira xuntanza que organiza a FEMP fóra de Madrid neste mandato. No acto de inauguración o responsable da institución luguesa estará acompañado polo Conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Ricardo Varela, o Presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Pedro Castro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco. Os representantes abordarán diversos asuntos contemplados na orde do día. Entre eles, a aprobación do Plan de Traballo da Comisión e dos grupos técnicos, que responde ós acordos fixados pola FEMP en canto ó seguemento do deseño dos Gobernos Locais para unificar as visións das diferentes Deputacións. Tamén está previsto o debate sobre o programa do curso “El papel de los gobiernos provinciales e insulares en el siglo XXI”, un tema de grande actualidade e necesario para adaptarse ós novos tempos. Na xuntanza informarase sobre o proceso de negociación do financiamento das Entidades Locais –outro asunto que esperta moito interese-, o Programa da Rede Rural Nacional 2007-2013 e o proxecto de cooperación transfronteiriza España-Portugal, entre outros. Logo da reunión, os Presidentes das Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares participarán nun pequeno percorrido do programa de visitas institucionais pioneiro en España e impulsado por Gómez Besteiro para dar a coñecer a nosa provincia: “Km0. Deputación de Lugo”. As autoridades desprazaranse ata o río Rato, onde realizarán un paseo polo mesmo e visitarán o Centro de Interpretación Terras do Miño para coñecer as políticas medioambientais da Deputación luguesa e os programas europeos que recibiu recentemente. Nestas instalacións, propiedade da Deputación, compartirán un xantar composto por produtos autóctonos. Desenvolvemento do acto 10.45 horas: recepción na porta principal dos membros da Comisión de la FEMP e acompañamento ata o Salón de Plenos. 11.00 horas: Intervencións previas ó inicio da reunión: Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, Conselleiro de Traballo da Xunta de Galicia, Ricardo Varela, e Presidente da FEMP, Pedro Castro Vázquez. 12.25 horas. Final da Reunión da Comisión. 12.30 horas: rolda de prensa do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, Presidente da Deputación de Barcelona, Antonio Fogué Moya, e do Presidente da Deputación de Valladolid, Ramiro Ruíz Medrano. 13.40 horas: paseo polo Río Rato e visita ó Centro de Interpretación Terras do Miño. 14.30 horas: almorzo ofrecido pola Deputación de Lugo no Restaurante Terras do Miño.