Deputación de Lugo

A Presidenta en funcións da Deputación de Lugo visitou o CENTRAD e o INLUDES

Visita de Lara Méndez ó CENTRAD e ó INLUDES

A Presidenta en funcións da Deputación de Lugo, Lara Méndez, visitou hoxe oficialmente o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) e tamén o INLUDES. O primeiro ente e parte do segundo pertencen á súa área de goberno: Promoción Económica e Emprego. A Presidenta en funcións –que estes días se estrea como a primeira muller á fronte da institución provincial na historia desta administración, aínda que sexa en funcións- aproveitou a visita para coñecer persoalmente a todos os traballadores e comezar a traballar na súa área respectiva. Lara Méndez visitou as instalacións durante preto de 3 horas. Tendo en conta que o pleno de organización foi a pasada semana, a Presidenta en funcións quixo coñecer canto antes a todos os traballadores, así como as funcións que se están a desenvolver e os proxectos pendentes –tendo en conta que no mes de setembro queren comezar a deseñar os vindeiros orzamentos da Deputación-. A Presidenta en funcións é responsable directa do Centro de Artesanía e Deseño e a área de Promoción Económica e Emprego situada no INLUDES. Por iso, tamén pediu informes económicos sobre isto, ó tempo que analiza a redistribución dos servizos e espazos co fin de que sexan máis funcionais e útiles para os Concellos da provincia, que son o obxectivo prioritario do actual equipo de goberno.