Deputación de Lugo

A exposición internacional Avantcraft rexistrou 450 visitas desde o pasado día 4 de outubro

Pola exposición pasou xente de toda Galicia e tamén do resto de España

A exposición internacional Avantcraft marcha a bo ritmo. Durante a fin de semana foron moitos os lugueses e galegos que aproveitaron a celebración das festas de San Froilán para visitar a mostra que permanece exposta na Capela de Santa María ata o vindeiro 18 de novembro. Durante a fin de semana, pasaron pola Capela de Santa María un total de 360 persoas. Unha cifra que cobra máis importancia se cabe, se temos en conta que de venres a domingo a exposición só estivo aberta ó público das 18:00 horas a 21:00 horas, o que da unha media de 40 persoas por día. A organización da mostra amosou a súa satisfacción pola gran acollida que está a ter a exposición. O día da inauguración xa visitaron Avantcraft 200 persoas e no que vai de festas ata hoxe martes, 450 visitantes pasaron pola Capela de Santa María. A exposición internacional, que conta con pezas selectas de vidro, cerámica, téxtil, etc amosan a “Forza do Espazo Atlántico” integrada por España, Francia, Irlanda e Portugal, é pioneira tamén no uso de novas tecnoloxías. Neste senso, xa foron moitos os que fixeron uso dos dispositivos bluetooth que permiten obter información de Avantcraft a tempo real. A través dos 5 dispositivos colocados entre a Praza Maior e a Capela de Santa María, 13.005 móbiles recibiron información da mostra, 3.280 fixeron uso desta información e 235 non quixeron acceder a ela. En canto á procedencia dos visitantes, a organización asegura que foron moitas as persoas que pasaron durante estes catro días pola exposición. Fóra da provincia de Lugo, os guías da mostra atenderon xente de Vigo, da Coruña e mesmo de fóra de Galicia.