Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación manterá unha xuntanza de traballo cos principais empresarios galegos que residen en Cataluña

José Ramón Gómez Besteiro realizou un balance extraordinario da súa participación no S. Froilán barcelonés

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, fixo esta mañá un “balance extraordinario” da súa participación por vez primeira nas festas do San Froilán en Barcelona, as máis importantes despois da Merced. Froito desta viaxe, que tivo lugar a pasada fin de semana, o Presidente pechou un encontro de traballo cos principais empresarios galegos asentados en Cataluña: “No San Froilán constatei que é importante a parte lúdica das festas, conservar as nosas tradicións... pero tamén o forte arraigo entre destacados empresarios que tiveron que marchar de Galicia pero siguen estreitamente vinculados á nosa terra. Por iso, a festa é importante pero, facer negocios favorables para a provincia de Lugo, tamén”, afirmou. “É realmente extraordinario como se vive o San Froilán en Barcelona, a Garda Urbana cifraba en 50.000 persoas as que visitaron o feiral en tres días. Sentímonos como na casa e reunímonos con moitos lucenses de Monforte, Guntín, Mondoñedo... xente que nos aporta moito e nos pode aportar máis no futuro”, explicou o mandatario provincial. Para o Presidente é fundamental abrir esta vía comercial: “Hai unha comunidade empresarial moi boiante que está desexando facer negocios se hai proxectos empresariais importantes onde investir. Son xente que estaría encantada de facelo aquí. Hai que manter relacións con eles e darlles confianza para que podan investir. O San Froilán non só e ocio senón negocio”, dixo. O Presidente explicou que “na reunión que manteremos voulles presentar o deseño de parques industriais na provincia, como foi por exemplo ese fantástico acordo ó que chegou o Alcalde de Lugo para ofrecer solo industrial nas Gándaras, os nosos proxectos provinciais, etc. Lugo está a vivir unha revolución no eido das comunicacións, algo moi valorado polos empresarios”, concluiu.