Deputación de Lugo

A posta en valor da costa lucense, as infraestruturas viarias e o turismo, principais asuntos da primeira visita oficial do Presidente da Deputación á Mariña

O Presidente da Deputación visitou os concellos de Lourenzá, Barreiros e Foz

A posta en valor da costa lucense, a redefinición das infraestruturas viarias provinciais en función da inminente apertura da Transcantábrica e a potenciación do turismo foron os principais asuntos abordados hoxe polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, na súa primeira visita oficial ós concellos de Lourenzá, Barreiros e Foz. O mandatario da Deputación subliñou que é necesario reinvindicar “que Lugo ten mar, xa que moitos aínda non o saben e tamén descoñecen as súas enormes posibilidades industriais ou deportivas”. Ó mesmo tempo, as modificacións na rede viaria provincial na Mariña en función do servizo que dará a Transcantábrica e a aposta polo turismo sostible, son outras das apostas da Deputación para os vindeiros anos. “Síntome como na casa”. Así comezaba a súa rolda de prensa no peirao de Foz o Presidente da Deputación acompañado polo Alcalde deste municipio e despois de compartir un aperitivo cos mariñeiros que a esa hora estaban en terra. Gómez Besteiro reivindicou o desenvolvemento conxunto do interior e da costa lucense, unha gran descoñecida para moitos que aínda pensan que Lugo non ten mar. Por iso, un dos temas tratados na visita oficial ós tres concellos -onde se reuniu coas Corporacións Municipais e mantivo reunións de traballo cos alcaldes respectivos- foi a influenza que terá a Transcantábrica na provincia e os cambios que isto supón. “Convén redefinir cómo vai ser a política da Deputación en obras, xa que hai un feito que o cambia todo: a Transcantábrica. Deixa nun lugar preferente á Mariña, e vai supoñer cambios no panorama de infraestruturas da Deputación. O río de xente que vai ser a Transcantábrica aínda non se nos pasa pola imaxinación e será maior do que podamos pensar”, afirmou Besteiro. O Presidente adiantou que haberá modificacións na rede provincial para aproveitar a nova vía de comunicación e facer os investimentos máis rendibles. Outro dos temas tratados foi a nova relación entre a Deputación de Lugo e os concellos da Mariña: “Cambian sustancialmente. Pasamos a unha política directa de comunicación cos Concellos e eles son o máis importante. Ás veces dícese que o máis importante son as obras. É verdade que son importantes, pero tamén o é a asistencia técnica ós Concellos. Nos presupostos do ano 2008 verase reflectivo este novo espíritu que marca a nosa política”, explicou Besteiro. Xuntos cos fondos europeos O Presidente da Deputación animou a todos os Alcaldes a traballar en conxunto para captar os novos fondos europeos. “Dentro dos novos fondos europeos hai que buscar programas que vinculen a toda a Mariña. Temos que buscar programas más amplos, con máis cartos, que beneficien a varios Concellos no lugar dun só, programas que den valon engadido a toda a comarca e, nese senso, é preciso que o interioricen os Alcaldes”, afirmou. Gómez Besteiro brindoulles todo o apoio técnico da Deputación para este fin e lembrou ós Alcaldes que os novos fondos irán destinados a proxectos para máis de 20.000 habitantes “polo que toca remar xuntos”, dixo. O urbanismo en Foz No caso particular de Foz, o Alcalde lamentou as malas relacións existentes co anterior equipo de goberno e denunciou a marxinación deste municipio ó longo dos últimos anos. Pola súa banda, o Presidente dixo: “Creo que Foz é unha asignatura pendiente da Deputación e temos que reparala. O potencial turístico e industrial que ten Foz é importante e hai que apoialo. Iniciativas como a ampliación do porto ou a visión deportiva dos portos de Foz son cuestións fundamentais”. Por iso, no tocante ó urbanismo de Foz o Presidente anunciou que “poñeremos os medios da Deputación, ben sexa a Sociedade Urbanística Provincial ou o asesoramento técnico que lle podamos dar, a disposición de Foz en defensa da Mariña. Nos guste ou non, a Mariña ten unha proxección moi importante e temos que prepararnos para o futuro, respectando o medio ambiente, pero sabendo prever as necesidades e o crecemento desta zona”. Gómez Besteiro recalcou que a Deputación respecta ó máximo a “autonomía municipal”, polo que “todos os concellos poden esperar de nós toda a colaboración, unha alianza”. Detalles da visita Tanto en Lourenzá como en Barreiros e Foz, o Presidente visitou as Casas Consistoriais, asinou nos Libros de Ouro e agasallou ós Alcaldes cunha peza de cerámica e unha bufanda de seda feita a man do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. A intensa xornada rematou cunha degustación de produtos do mar con mariñeiros e veciños de Foz, así como unha visita, pola tarde, á factoría de peixe Rubén no polígono de Fazouro.