Deputación de Lugo

A Área de Deporte da Deputación promove o II Campionato Galego de Bailes Latinos e a I Competición Trofeo Cidade de Lugo

Antonio Veiga salientou que esta nova disciplina deportiva ten un gran número de afeccionados en todas a comarcas lucenses e que a súa práctica é moi saudable

O delegado da Área de Deporte da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, presentou este mércores o II Campionato Galego de Bailes Latinos e a I Competición Trofeo Cidade de Lugo que terá lugar o vindeiro día 19 de abril no Pavillón Municipal de Deportes. A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu este acto ao que tamén acudiron, o concelleiro de deportes de Lugo, José Manuel Díaz Grandío, e os organizadores do evento e directores do Club Deportivo Start-Dance, Berta Figueiras Elvira e Rubén Díaz Castrillón. Antonio Veiga resaltou a importancia da posta en marcha deste tipo de iniciativas que permiten achegar esta práctica a todos os lucenses e, especialmente, a aqueles que están interesados nos bailes de salón ou incluso involucrados no eido máis profesional nos denominados bailes deportivos, concretamente na modalidade de latinos. Nesta liña, o delegado da Área de Deportes da Deputación de Lugo salientou que dende hai aproximadamente un ano, o Consello Superior de Deportes de Galicia acordou definir o baile de salón como unha nova modalidade deportiva. “A práctica desta disciplina conta cun gran número de afeccionados e afeccionadas en todas e cada unha das comarcas lucenses”, asegurou Antonio Veiga. “Un deporte saudable” ou “unha boa opción para o tempo de lecer” foron algunhas das afirmacións que Antonio Veiga sostivo e reiterou en varias ocasións no transcurso da rolda de prensa. Pola súa banda, a directora do Club Deportivo Star-Dance, Berta Figueiras Elvira comentou que a I Competición Trofeo Cidade de Lugo terá Lugar o vindeiro domingo día 19 ás 12:00 horas. As instalacións do Pavillón Municipal de Deportes acollerán tamén, ás 16:00 horas, o II Campionato Galego de Bailes Latinos onde se bailará e gozará coa samba, o chachachá, o bolero e o rock and roll. A agrupación organizadora do evento prevé a participación dunhas 120 parellas, moitas delas de fóra de Galiza. Como mostra do que se poderá ver o vindeiro domingo no Pavillón Municipal de Deportes, os campións galegos, 7º de España e 17º do Mundo na máxima categoría de Baile Latino, Héctor Díaz Castrillón e Jéssica García bailaron un chachachá e unha rumba-bolero como demostración.