Deputación de Lugo

A Deputación investirá 140.000 euros na mellora da estrada de Torno no Saviñao

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial financiará a totalidade dos traballos, que inclúen aglomerado en quente e sinalización dun treito de 1,1 quilómetros

As obras contrataranse polo procedemento de emerxencia para darlle a máxima axilidade A Deputación acometerá as obras de mellora dun treito de 1,1 quilómetros da estrada provincial de Torno a Gorgozo, no Concello do Saviñao. Os traballos incluirán o asfaltado con aglomerado en quente e a sinalización horizontal e vertical. Están presupostados en 140.000 euros, unha cantidade que será financiada na súa totalidade polo organismo provincial. A contratación das obras realizarase polo trámite de urxencia, para darlle a máxima axilidade. Actualmente este treito atópase en zahorra porque o proxecto aprobado polo anterior equipo de goberno incluía o ancheamento entre os puntos quilométricos 0,900 e 2,000, pero non prevía o rego asfáltico nin o presuposto necesario para acometelo. Como consecuencia das chuvias e do tráfico, a zahorra sufriu desperfectos, unha situación que quedará agora solventada coa actuación da Deputación, que atende así a petición dos veciños e dos usuarios da estrada. A vía quedará en perfectas condicións para garantir unha circulación segura. O proxecto inicial estaba incluído no POS 2005 pero perdeuse a subvención do 50% do Ministerio de Administracións Públicas, xa que o anterior goberno contratou os traballos sen dispoñer dos terreos necesarios.