Deputación de Lugo

A Deputación cede terreos para a creación dun complexo deportivo en Castro Riberas de Lea

Imaxe deputación de lugo
A Presidenta en funcións anuncia que a Xunta de Goberno aprobará mañá a cesión de 25.000 metros cadrados pertencentes á finca da Granxa Gayoso-Castro

O Concello de Castro de Rei construirá unha pista polideportiva, outra de aeromodelismo e un campo de adestramento de fútbol A Deputación cederá ó Concello de Castro de Rei unha parcela de 25.000 metros cadrados para a creación dun complexo deportivo en Castro Riberas de Lea, onde a Entidade Local ten prevista a construción dunha pista polideportiva, outra de aeromodelismo e un campo de adestramento de fútbol. A Presidenta en funcións, Lara Méndez, acompañada polo Alcalde deste municipio chairego, Juan José Díaz Valiño, visitou este xoves a parcela, que colinda co novo campo de fútbol e as piscinas municipais, tamén construídos en terreos de titularidade provincial. Lara Méndez afirmou que “a cesión destes terreos, por un periodo de 20 anos, inclúese dentro do obextivo da Deputación de promover o desenvolvemento de infraestruturas para contribuír ó impulso económico e social dos nosos municipios. Iste é outro xeito de cooperación cos Concellos, xa que todo o que fagamos en favor das Entidades Locais repercute positivamente nos veciños”. A Presidenta en funcións, anunciou que a Xunta de Goberno deste venres aprobará unha adenda ó convenio asinado entre o organismo provincial e o Concello de Castro de Rei en 2004 polo que a Deputación cedía 20.000 metros cadrados para a construción do novo campo de fútbol e as piscinas municipais. “Tanto os terreos cedidos inicialmente coma os que inclúe a adenda, pertencen á finca da Granxa Gayoso-Castro, que ten unha extensión dunhas 190 hectáreas”, apuntou Lara Méndez. Tres novas pistas O Alcalde de Castro de Rei amosou a súa satisfacción e agracedeu á Deputación a cesión destes terreos, “o que fará posible realizar o noso proxecto de crear un importante complexo deportivo en Castro Riberas de Lea, que xa conta co campo de fúltbol e as piscinas”. Juan José Díaz Valiño avanzou que nesta parcela se construirán tres pistas: unha polideportiva para a práctica de deportes como o baloncesto, o fútbol-sala, o balonmán ou o tenis; un campo de fútbol de adestramento para o Clube Deportivo Castro e de xogo para as categorías inferiores; e unha terceira de aeromodelismo que pretende traer a Castro o Clube Lavanco”. “Polo tanto, con esta ampliación do complexo deportivo conseguiremos varios obxectivos: por unha banda, favorecer o deporte base, por outra, facilitar a práctica doutros deportes á marxe do fútbol, e por último, ter unha pista de aeromodelismo, que será a terceira da nosa provincia, ademais das de Begonte e Monforte”. O rexedor subliñou que “hai pouco máis de 20 días o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, estivo neste Concello visitando o remate da obra da estrada que vai de Castro a Cospeito. Ademais, aquel mesmo día anunciou o inminente inicio dos traballos de mellora da vía de Castro Riberas de Lea a Couto de A, 12 quilómetros en aglomerado en quente que comunica o castro de Viladonga, e hoxe anunciamos unha nova actuación. Demóstrase, unha vez máis, a práctica inmediatez coa que a Deputación atende os problemas e as necesidades que temos en Castro de Rei”.