Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño facilita ós artesáns 7 variedades de vimbio únicas en Galicia

Imaxe deputación de lugo
O CENTRAD celebra unha xornada pioneira na Comunidade sobre a poda, talla, e clasificación deste arbusto

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, celebra dende este luns e ata o venres, un obradoiro pioneiro en Galicia sobre a poda, talla, e clasificación de vimbio. É unha xornada na que os artesáns aprenden a tratar este arbusto para logo confeccionar cestos. Para elo, o CENTRAD pon a súa disposición unha plantación de 200 metros cadrados onde se atopan variedades de vimbio únicas na Comunidade, que só se cultivan en algunhas zonas de Cataluña e Castela A Mancha, e nalgúns casos, excepcionalmente en Francia e Inglaterra. A Deputación conta cunha finca no Paseo do Rato onde se plantan exclusivos tipos de vimbio. Durante este xornada, os participantes pódano, e clasifícanno por cores e tamaño para, logo de que sequen, elaborar selectas pezas de cestaría. En Galicia, a excepción deste obradoiro, non hai ningún curso onde se ensinen estas prácticas. Deste xeito, o organismo provincial aforrar cartos ós artesáns ó formalos para logo poder traballar unha plantación de vimbio propia, e ó facilitarlles un material que terían que mercar fóra da Comunidade. Da mesma forma, o Centro de Artesanía e Deseño celebra un obradoiro de cerámica onde se imparten clases sobre o modelado a man de pezas decorativas e escultóricas. Trátase dun curso que comezou o pasado 1 de febreiro, e que se prolongará ata o vindeiro 22, no que están a participan unhas 10 persoas.