Deputación de Lugo

Deputación e ACRUGA reducen custos ós gandeiros e melloran a expansión da Rubia Galega cunha nave de recría na Granxa Gayoso

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial investirá máis de 400.000 euros nesta infraestrutura que albergará unhas 250 reses

A de Lugo convértese na primeira Deputación galega e na única administración de España que dispón dunha iniciativa deste tipo para promocionar esta raza Gómez Besteiro subliña que “seguiremos exportando a imaxe de provincia gandeira de calidade e este exemplo ten que cundir noutras administracións. A Deputación ten que ser un referente porque non ten sentido que na Granxa nos adiquemos a producir, pero sí para axudar alí onde outros non actúan” En España hai máis 50.000 animais de Rubia Galega pertencentes a 2.766 explotacións, das que o 75% están na provincia O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA), César Dorado, presentaron este luns o proxecto da nave de recría de vacún de carne que o organismo provincial, a través do INLUDES, construirá na Granxa Gayoso-Castro, e no que investirá 417.347 euros. Gómez Besteiro subliñou que “esta Deputación ten un obxectivo: ser útil á provincia e máis neste momento económico, xa que o fácil sería cruzarse de brazos e mirar para outro lado, pero estamos decididos nunha aposta polo campo. Lugo é unha provincia esencialmente gandeira, proba disto é que no último ano incrementáronse o número de reses desta raza nun 17%, onde Lugo alberga o 75% do territorio nacional”. Neste senso, o titular provincial apuntou que “planificamos un cambio de actividade na Granxa Gayoso-Castro con outro proxecto moi interesante. Pretendemos investir máis de 10 millóns de euros no Centro de Recría de frisona, onde se pretende recriar máis de 3.000 novillas. Pero non queremos deixar de investir na Raza Rubia Galega. Por tanto, tocaremos as dúas razas e incrementaremos as relacións con ACRUGA”. A este respecto indicou que “seguiremos exportando esta imaxe de provincia gandeira de calidade. Este exemplo ten que cundir noutras administracións. A Deputación sóla non pode facelo todo, aínda que nos gustaría. Esperamos que estas accións sirvan para que outras administracións orienten a súa política cara o campo. No noso Plan Estratéxico, que está a punto de coñecer toda a sociedade, explícase que a mirada ó campo é necesaria. A Deputación ten que ser un referente porque non ten sentido que na Granxa nos adiquemos a producir leite, pero sí para axudar alí onde outros non actúan”. Dentro da finca da Granxa Gayoso-Castro, ademais da unidade de leite, inclúense unhas instalacións nas que se atopan máis de 200 reses de Raza Rubia Galega. Estes animais están nas dependencias que o organismo provincial ten en Castro de Rei mediante un convenio de colaboración que a Deputación subscribiu en 2007 con ACRUGA. O acordo consiste en que a Asociación deposita na Granxa Gayoso un número de xovencas que son mercadas ós gandeiros e logo véndense a outros puntos de España, de tal xeito que se favorece a expansión desta raza. “A relación entre a Deputaicón e ACRUGA exténdese ó longo de varios anos. Seguimos tendo en vigor un convenio que nos relacionará ata o 2017 e no que achegamos 150.000 euros, uns 25 millóns das antigas pesetas. Queremos ser útiles e non dar problemas”. De feito, a de Lugo é a única Deputación de Galicia que ten unha colaboración orientada á promoción e á expansión da Raza Rubia Galega e a única administración de España. O Presidente de ACRUGA salientou que “dende entón entre a Deputación e a Asociación estase a crear rabaño de elite coas mellores novillas para dar resposta á grande demanda. En 2007 comezamos coa adquisición de pouco máis de 50 e agora hai máis de 210 reses no Centro de Recría. En menos de tres anos vendéronse pretos de 200 a máis de 30 explotacións”. A nave albergará as 200 xovencas que existen nestes momentos, os 8 machos e 25 vacas adultas. Ubicarase nunha parcela situada á marxe dereita da estrada en dirección Castro Riberas de Lea, enfronte da unidade de leite existente. Terá unha lonxitude de 65 metros e ocupará unha superficie de 1.168 metros cadrados, ou o que é o mesmo, como 10 pisos de 100 metros cadrados ou 2 campos de baloncesto. No acto de presentación participaron unhas 200 persoas, entre as que se atoparon os voceiros dos grupos políticos, representantes de varias cooperativas da provincia e gandeiros que forman parte da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega. Prazos e xestión de residuos O proxecto ten un prazo de execución de 12 meses, e as obras poderán comezar no verán, xa que o proceso administrativo debería de estar concluído en 3 meses. O Concello de Castro de Rei terá que dar a licenza de obra e aprobar o proxecto en Xunta de Goberno. Logo da exposición pública será remitido á Consellería de Urbanismo para que este departamento conceda os permisos necesarios para poder executar a obra. É un proceso máis sinxelo que o do Centro de gando frisón porque non é necesaria obter a declaración de impacto medioambiental da Consellería de Medio Ambiente. Ó igual que o Centro de Recría de frisona, neste caso, o tratamento dos residuos será integral. Os xurros serán empregados como fertilizantes para cultivos e pastos. Construirase unha foxa para o almacenamento do xurro, que estará impermeabilizada. A foxa baleirarase periodicamente para levar os residuos á pranta de tratamento existente na Granxa. A produción anual do purín prevista é de 2.797 metros cúbicos ó ano, é dicir, unha capacidade semellante a dunha piscina olímpica. O proxecto tamén prevé un sistema de recollida e almacenamento das augas pluviais, que se reutilizarán para a limpeza da propia nave. Máis de 50.000 reses en España En España hai 50.000 animais de rubia galega pertencentes a 2.766 explotacións, das que o 75% están na provincia. É dicir, Lugo conta con 37.600 cabezas desta raza. César Dorado apuntou que en menos de tres anos recuperáronse preto de 400 exemplares de alto valor xenético que estaban destinados ó matadoiro. “Pese a esta situación que vivimos, a demanda segue a aumentar. De feito, na actualidade temos a 26 gandeiros, todos eles novos criadores, agardando para adquirir gando co que incorporarse á produción de Rubia Galega. Isto é moi importante porque se está a escoller a Rubia entre outras razas de carne, principalmente, pola súa calidade.” Neste senso, o Presidente de ACRUGA salientou que “todo isto non sería posible sen o apoio da Deputación, un apoio que permite axudar a fixar emprego e a mellorar a situación do sector tanto en Lugo como en Galicia, e que redunda na expansión da raza”.