Deputación de Lugo

20 empresarios reservaron a súa parcela no polígono de Castroverde que constrúe SUPLUSA

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro destaca que satisface a demanda dos empresarios deste Concello, e anuncia que a Deputación contratará nas vindeiras semanas as obras

O Presidente visitou co Alcalde os terreos nos que construirá a área industrial, que estará rematada neste mandato Terá unha extensión de preto de 150.000 metros cadrados e un investimento de 2,7 millóns de euros. O titular provincial subliña “a situación estratéxica deste polígono para Castroverde, xa que se atopa a 15 minutos de Lugo e ten boas conexión coa A-6”. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este xoves ata Castroverde, onde visitou acompañado do Alcalde deste municipio, José María Arais, ós terreos nos que o organismo provincial, a través de SUPLUSA, construirá o polígono industrial. Gómez Besteiro entrevistouse cuns 40 empresarios deste municipio e anuncioulles que a Sociedade Urbanística Provincial vén de aprobar o prego administrativo para a contratación das obras desta infraestrutura, de xeito que a licitación producirase nas vindeiras semanas. A área industrial terá unha extensión de 140.718 metros cadrados e un investimento de 2,7 millóns de euros. Está situado preto da localidade, ó carón da estrada provincial CP 1611. Trátase dunha reivindicación constante dos empresarios que teñen a súa empresa neste Concello ou nas inmediciación do mesmo. Nestes momentos, 20 pemes de Castroverde xa reservaron a súa parcela. Entre elas, atópanse propietarios de talleres e empresarios relacionados coa construción. Gómez Besteiro subliñou que “a situación estratéxica do polígono de Castroverde. É necesario que as empresas deste Concello teñan solo industrial para poder desenvolver a súa actividade. Pero é importante que esté ben situado, xa que se atopa a 15 minutos de Lugo e ten unha boa conexión coa A-6”. Previamente, o Concello aprobou en Xunta de Goberno no mes de decembro o proxecto de urbanización, un trámite necesario para que o organismo provincial puidese proseguir cos trámites que esixe a contratación da área industrial. Deste xeito e logo do acordo de SUPLUSA, as obras contrataranse nas vindeiras semanas, co obxectivo de iniciar os traballos canto antes. Neste senso, o Presidente da Deputación cumpre coa palabra dada ós veciños nunha visita realiza con anterioridade a este municipio, na que se comprometeu á execución da área industrial. O titular provincial destacou que “Castroverde é un dos Concellos que foi dilixente na aprobación do Plan Xeral e agora ten o seu premio, xa que reúne todas as condicións para que poida investir SUPLUSA: hai demanda, existe compromiso das empresas e o planeamento está tramitado”. Neste senso, Gómez Besteiro engadiu que “neste momento de crise as empresas teñen que estar decididas a asentarse, xa que senón o que fariamos sería urbanizar sen máis grandes áreas que non terían actividade empresarial. É dicir, é importante a acción da Deputación, quen adianta os cartos, pero tamén é necesario o compromiso das empresas. Onte estivemos en Paradela e hoxe en Castroverde. A provincia vai quedar batida pola acción da Sociedade Urbanística Provincial”. Pola súa banda, o Alcalde salientou que “o polígono é moi importante para este Concello, xa que moitas das empresas non poden expandirse porque non cumpren as normas medioambientais que esixe a lei. Coa aprobación do PXOM e agora a actuación de SUPLUSA, Castroverde dá un paso importante no seu desenvolvemento”. Un dos polígonos máis avanzados No Orzamento da Sociedade Urbanística Provincial para o ano 2010, que foi aprobado polo Consello de Administración en decembro e que ascende a 24.346.693 euros, contempláse a construción do polígono, que é un dos máis avanzados e que o equipo de goberno da Deputación confía en ter rematado neste mandato. A Deputación continúa así co obxectivo de seguir creando solo industrial na provincia para xerar riqueza en Lugo e aumentar o volume de negocio. En total, está a actuar en 31 Concellos que suman preto de 5 millóns de metros cadrados. Ademais do de Castroverde, as áreas industriais que están máis adiantadas e practicamente rematadas son as de Ourol, Baleira, Friol e Begonte.